Actuación ano 2018

O Concello de Silleda resultou beneficiario dunha aportación do Instituto Enerxético de Galicia para a instalación dunha rede de distribución de enerxía térmica, ó amparo da “RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2017 pola que establécense as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria de subvencións para proxectos de redes de distribución de enerxía térmica con equipamentos de xeración con biomasa, para os anos 2017-2018, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.”

O Proxecto “RED DE CALOR “DISTRICT HEATING” CON BIOMASA EN SILLEDA (PONTEVEDRA). FASE I”, redactado polo Enxeñeiro Industrial, Ricardo González Santos, ten un orzamento total de 816.587,67 € subvencionado nun 80% polo INEGA e nun 20% pola Deputación de Pontevedra.
Este proxecto foi licitado mediante concurso público, resultando adxudicatario a U.T.E. C. OREGA S.L. e COVIASTEC S.L. U.T.E. SILLEDA
O alcance do Proxecto nunha primeira fase incluirá o abastecemento da demanda enerxética das seguintes instalacións consumidoras de calor e auga quente sanitaria no municipio de Silleda (Pontevedra):

Fase I

  • Escola Infantil Galiña Azul.
  • Pavillón de Deportes.
  • Piscina Municipal.
  • Campo de fútbol.
  • Residencia.
  • Hotel Spa Via Argentum

A rede de calor proxectouse como unha rede aberta, permitindo a súa ampliación coa conexión, nun principio, das seguintes instalacións:

Fase II

  • Escola de Música.
  • Oficina Comarcal Agraria.
  • C.E.I.P. de Silleda.
  • Casa da Cultura.
  • Consistorio de Silleda.

 

O obxecto do proxecto é a execución e posterior posta en servizo da instalación de produción centralizada de enerxía térmica con biomasa e distribución mediante unha rede de calor ás instalacións indicadas para a alimentación ós sistemas de calefacción, produción de auga quente sanitaria (AQS) e climatización.
Con esta actuación preténdense alcanzalos seguintes obxectivos:

  • Empregar un sistema de calefacción e AQS innovador de alto nivel técnico e excelente en termos de sostenibilidade.
  • Porta aberta á produción de enerxías renovables e a loitar contra o cambio climático substituíndo os combustibles fósiles actualmente empregados (propano e gasóleo) por un combustible non contaminante, deixando de expulsar á atmosfera unhas 350 toneladas de CO2 ó ano.
  • Mellor cualificación enerxética (alta eficiencia) e mellor valorización das instalacións: maior dispoñibilidade de espazo útil valorizable, ausencia de equipos propios de produción e chemineas, flexibilidade e adaptabilidade para dispor de maior potencia.
  • Alcanzar un aforro enerxético, xa que a distribución centralizada de enerxía térmica con tubaxes de alta eficiencia, xunto co grado de simultaneidade das instalacións conectadas, permiten obter un maior rendemento dos xeradores de calor.
  • Maior garantía e seguridade no subministro enerxético: estabilidade do prezo con contratos a longo prazo, sen depender do prezo do petróleo nin de oscilacións do dólar.
  • Empregar un combustible local, o que repercute na xeración de emprego local e no aumento do valor engadido dos produtos forestais.
  • Alcanzar un aforro económico pola redución dos custes finais, xa que unha única central de produción térmica con biomasa, en lugar de 6 instalacións individuais, implica menores custes de amortización de equipos, no suposto de renovación das instalacións, menores custes de combustible, de xestión e de mantemento.

O Concello de Silleda contou co apoio do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a Xunta de Galicia, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e a Deputación de Pontevedra na instalación “RED DE CALOR “DISTRICT HEATING” CON BIOMASA EN SILLEDA (PONTEVEDRA). FASE I”