A Concellería de Educación e o programa Silleda Solidaria poñen en marcha unha campaña de recollida de material escolar

Silleda, 4 de abril de 2013. A Concellería de Educación, a través do programa municipal Silleda Solidaria, acaba de poñer en marcha unha campaña de recollida de material escolar, tamén en colaboración coas Anpas. Poden entregarse libros de lectura, bolígrafos, gomas, diccionarios, pegamento, regras, mochilas, carpetas… e calquera outro material que se considere de utilidade para o estudo. Para esta campaña, colocáronse caixas en centros educativos e librarías.

Todas aquelas persoas que desexen colaborar con esta campaña, poden  entregar o material nos centros educativos públicos do municipio (CEIP de Silleda, CEIP da Bandeira, IES Pintor Colmeiro, Escola Infantil A Galiña Azul,  e tamén na Escola de Música de Silleda). Así mesmo, tamén se poden entregar nas librarías Pily, Otero e Galicia, en Silleda, e nas librarías Brandariz e A Casiña dos Contos, na Bandeira. Así mesmo, as  entregas tamén se poden realizar chamando ao número de teléfono 986 592037.

Dende o goberno municipal, Paula Fernández Pena, agradece a participación de todos os centros educativos así coma das librerías, destacando a súa implicación nesta campaña solidaria, “xa que nalgúns casos mesmo os propios centros e establecementos xa avanzaron que aportarán material que lles quedou sen utilizar de anos anteriores”.

Con esta iniciativa colaboran as Anpas Pícaros, do CEIP de Silleda, Brincadeira, da Bandeira e a Anpa Musiquiños, ás que dende a concellería e o programa Silleda Solidaria se agradece igualmente a súa colaboración.

 Paula Fernández lembra que unha das liñas de actuación do programa Silleda Solidaria, que se puxo en marcha en novembro do pasado ano, pasaba pola creción dun banco de libros, no que se enmarca tamén esta campaña. “Estamos a traballar na posta en marcha desta iniciativa e en breves datas manteremos encontros coa comunidade educativa para falar desta proposta”, di Paula Fernández sobre o intercambio dos libros de texto.