A mostra Silleda no século XIX estará na Casa da Cultura do 7 de xuño ao 13 de xullo

Silleda, 22 de maio de 2014. Hoxe tivo lugar a presentación da mostra Silleda no século XIX, unha exposición que percorre a través da arte, documentos e outros elementos expositivos a historia do municipio nun século clave.

O alcalde, Manuel Cuíña, presidiu hoxe o acto de presentación, acompañado por representante das diversas entidades que participan nesta iniciativa. A exposición estará aberta na Casa da Cultura de Silleda, dende o 7 de xuño ata o 13 de xuño con entrada libre e visita en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas todos os días.  Contará con tres salas que se corresponden con cada un dos ámbitos. Así, haberá unha sala civil, outra de arte sacra e unha adicada ao santuario da Saleta de Siador. Ademais, na pranta baixa do edificio estará disposto material turístico e outras creacións relacionadas coa época.

Manuel Cuíña explicou que o detonante desta iniciativa foi a celebración do 150 aniversario do santuario saletino, que se celebra este ano. “Pero a partir de ahí, e tendo en conta a época na que se fundou este santuario, xurdiron outras inquedanzas e por iso se pensou en ampliar a esta actividade, tendo en conta que o século XIX foi o máis importante de Silleda”, dixo.

Así lembrou que foi nesta época cando xurdiu a división territorial actual da xurisdicción de Trasdeza, logo de desaparecer os oito concellos constitucionais do antigo réxime. o No ano 1835 fíxose o proxecto de división municipal, co que nacía o Concello de Chapa, que contaba daquela con 1.796 veciños.

Tres anos despois, o 9 de abril de 1838, e a petición do alcalde de Chapa a capital municipal trasládase a Silleda, por motivos de seguridade ( debido ás grandes loitas entre absolutistas e liberais).

“O Concello de Silleda tal e como hoxe o coñecemos, coas súas 33 parroquias foi creado por un acordo do 4 de marzo de 1868. Polo tanto o século XIX foi vital para o Concello de Silleda”, remarcou o alcalde.

O rexedor advertiu na presentación que esta mostra que mistura historia, cultura, arte e tradición, “marcará a un fito no noso municipio por moitas razón”.

Cuíña tamén agradeceu a participación e implicación das outras entidades que participan na organización, como a congregación saletina de Siador, o Obispado de Lugo, Arzobispado de Santiago, a Fundación Nuestra Señora de La Saleta, que preside don Roberto Rivas, “gran valedor desta mostra”e un exemplo ao que todos temos que estar agradecidos”, e a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así coma o patrocinio de La Caixa ou Hidroeléctrica de Silleda.

Tamén fixo extensivo o agradecemento a todas as parroquias que aportan distintos elementos á mostra. En nome delas interviu no acto María Carmen Sánchez Fontao, de Siador, que tamén fixo un agradecemento especial a D. Roberto Rivas, pola súa “ilusión, cariño e devoción á virxe da Saleta, que fixeron posible que este soño se convertira en realidade”.

Mª Carmen Sánchez, narrou tamén cómo da iniciativa dun grupo de veciños xurdiu a idea de recuperar obxectos litúrxicos, coma un atril de bronce ou o relicario da Saleta, que formará parte da sala adicada ao santurario, con 45 obxectos presentes ademais de fotografías antigas.

Por parte da congregación Saletina, o padre Gerardo Comeau relatou cómo naceu a devoción pola Saleta en Silleda. Foi Francisco María Rivas, antepasado de Roberto Rivas quen iniciou a advocación mariana no pazo familiar de Sestelo, encargando despois ao escultor Magariños no ano 1864 unha imaxe da virxe, que foi traída a ombreiros dende Compostela por seis mozos da parroquia, a onde chegou o 26 de xuño do citado ano. Comeau indicou que no ano 1871 había en Galicia, e nomeadamente nesta zona, 5.714 asociados devotos desta virxe. “A devoción comezou grazas a seglares” indicou o membro da congregación que se asentou en Silleda en 1984.

En nome do Obispado de Lugo o párroco de Silleda, José Pérez Barreiro, que falou sobre a arte sacra, agradeceu o esforzo das parroquias á hora de ceder pezas para a mostra. “´É xusto valorar a súa xenerosidade”, dixo.  Pérez indicou que a sala de arte sacro contará con 15 imaxes de distintas parroquias e obxectos coma libros, cálices, custodias, cruces procesionais, chaves, cadros, misarios, que son moi apreciados polos veciños das parroquias. Sinalou que detrás de todos eles hai que distinguir tres aspectos “O primeiro de todo é que son obras de arte e temos que saber valoralas como tal”, dixo Pérez, engadindo tamén o seu significado a nivel de vivencia da fe a súa finalidade “educativa e evanxelizadora”.

Por último, Alfredo Abeledo, técnico municipal e comisario desta exposición destacou a ardua labor realizada nos últimos meses, cun amplo traballo de campo.Abeledo desvelou que o punto de arranque da mostra terá lugar o vindeiro sábado 7 de xuño ás 20.00 horas, cun acto inaugural no que ademais do Alcalde e de Roberto Rivas, estarán presentes varios conferenciantes. Así, falarán o escritor e historiador Armando Vázquez; Francisco Rubia, experto en patrimonio artístico, César Carnero, director do museo da diócese de Lugo e o padre saletino Heliodoro Santiago. Haberá tamén unha audición musical do grupo de cámara da Banda Municipal de Silleda, baixo a batuta de Rafa Agulló.

Todas as pezas expostas formarán parte dun catálogo coas súas respectivas fichas descriptivas. Na mostra civil destacan pezas coma o salón de plenos de Silleda, unha xoia que foi propiedade da Cámara de Comercio de Ourense, unha praca de Sargadelos feita polo marqués de Ibáñez,  da que só hai tres en toda España, obras de Colmeiro, traxes de época ou gravados de Castro Gil sobre Carboeiro.

Abeledo, que agradeceu todas as colaboracións con esta iniciativa, incidiu tamén na necesidade de valorar todas as pezas dende o punto de vista artístico.