A Romaría do Rapaz encherá de cor o recinto da Saleta o vindeiro domingo 24 de xuño

A Romaría do Rapaz celebra a súa trinta   edición o vindeiro domingo día 24. A cita, no recinto da Saleta, en Siador, contará con actividades xa clásicas e  terá como lema A Festa das Cores. Serán un total de 36 propostas, entre espectáculos, obradoiros, actividades….

Esta festa singular e única en Galicia, onde os cativos son os protagonistas arrancará ás 11.00 horas coa apertura de obradoiros, inchables, actividades deportivas e multiaventura, que continuarán durante toda a xornada.

Entre os obradoiros figuran chapas, maquillaxe, plástico máxico, gafas molonas, obradoiro vexetal xenial , somos auga!, pasta gansa, e un de mini horta, e outro titulado “Que animal agocha a túa man” (organizado pola Anpa do CEIP de Silleda).

Os nenos poderán disfrutar este ano con outras actividades pedagóxicas como son o espazo “multixogo” –para os máis pequenos_, Animal Karts, e como novidade unha zona multiaventura infantil. Pola tarde  haberá tamén actividades relacionadas coa reciclaxe e o medio ambiente. Así, ademais da campaña informativa “Separar con xeito”, da Consellería de  Medio Ambiente, a Romaría contará este ano co obradoiro “Texido educativo”, no que os participantes convertirán calcetíns e camisetas en monicreques e bolsos, a través da Fundación Humana.

Gran tirolina de 100 metros

En canto ás actividades multiaventura a Romaría do Rapaz contará este ano cunha tirolina de grandes dimensións, con 100 metros de percorrido. Entre as novidades figuran un campo de Nerf e un circuito de carbikes. Ademais, haberá pontemono, rocódromo, bola zorbing.

Respecto ás actividades deportivas destaca o campo de petanca, as simultáneas de xadrez, tiro con arco,  e o futbolín humano.

Animación do recinto

Durante toda a xornada celebraranse actividades musicais e de animación do recinto. Cabezudos con personaxes de Disney, a música da Requinta da Laxeira e o espectáculo itinerante de A Corva (con Cris Collazo)  desfilarán polo entorno ao longo da xornada.

No apartado de inchables a romaría contará este ano con 4 espazos: o toro mecánico; o pirata; rei león e o tobogán saltarín.

Ademais, haberá unha caseta de información aberta durante toda a xornada na que se poderán mercar pulseras localizadoras, e camisetas conmemorativas deste certame. Todo o recadado destinarase ao programa municipal Silleda Solidaria.

Títeres, clown e fin de festa con Saabor!!

Pola tarde, terá tamén lugar o espectáculo “Romance de cans”, de O Cego dos Monifates, incluido no programa do Ano da Língua,  e baseado no conto “Can branco, can negro” de María Victoria Moreno. A cita está prevista para as 16:30 horas .

Unha hora despois, ás 17:30, chega “Bambolina”, a historia dos paiasos Lela e Lolo da man de Barafunda Teatro, que farán rir a toda a familia.

Non faltará nesta edición un dos clásicos da Romaría como é o desfile de moda con traxes realizados a partir de material de refugallo. Esta actividade está organizada polo Servizo Lúdico Educativo do Concello de Silleda. O prazo para participar remata mañá mércores. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 4 a 12 anos.

Nos vindeiros días comezarán os obradoiros de preparación nos que os nenos e nenas realizan as súas creación para o desfile, que terá lugar a partir das 19:30 horas no anfiteatro da Saleta. Xunto antes haberá unha exhibición da escola deportiva de Zumba Kids.

A Romaría do Rapaz rematará co espectáculo Saabor!,  cos actores Fran Rei e Félix Rodríguez, un espectáculo cómico que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público co mundo da gastronomía de fondo

Dende a Concellería  de Cultura, Ana Luisa González,  agradece a participación a todos os que colaboran con “esta festa única, que  de seguro volverá a encher de ilusión a moitos nenos e nenas e que neste ano soplará nada menos que 30 velas”, engade Ana Luisa González.

Dende o Concello tamén se fai un chamamento á colaboración dos asistentes á hora de aparcar (lémbrase que hai aparcamentos de balde no entorno do recinto) e respetar a sinalización en canto a circulación do tráfico na zona.

O recinto volverá a contar con servizo de pulpeiro e bar. Haberá mesas e sillas a disposición das persoas e grupos que queiran xantar na carballeira do recinto durante a xornada.