A Romería do Rapaz volta a Siador o domingo 30 de xuño cunha edición especial con motivo do seu 25 aniversario

Silleda, 14 de xuño de 2013. A Romaría do Rapaz voltará ao recinto da Saleta de Siador o vindeiro domingo día 30, coa celebración dunha xornada especial con motivo do 25 aniversario do certame.

A concelleira de Cultura, Margarita Campos, e a alcaldesa, Paula Fernández Pena, participaron hoxe na presentación do programa desta edición, un acto que tivo lugar na praza de Benito Rivas, onde se celebraron os primeiros anos da Romaría.

“Quixemos facer a presentación nun lugar simbólico, e por iso pensamos en volver ao escenario donde comezou todo”, sinalou Margarita Campos que destacou a romaría coma unha festa “singular e única que é un referente por méritos propios e na que os nenos e nenas son os auténticos protagonistas”.

A Romaría comezará ás 11.00 coa apertura dos obradoiros e actividades multiaventura, que continuarán durante toda a xornada. Entre os obradoiros figuran o de chapas, maquillaxe, trebellos con goma eva, xoiaría divertida, monicreques, globoflexia e xoguetes con marterial de refugallo.

Tamén se contará cunha horta ecolóxica, unha das actividades que se recupera e “que se celebrou hai xa anos cun gran éxito de participación”, engadiu a concelleira. Neste obradoiro colaboran Ferretería Valiño, Viveiros Verdecer e Comercial González.

Tampouco faltarán os xogos inchables, patrocinados por La Caixa ou a ludoteca infantil, aberta durante toda a xornada para nenos e nenas de 3 e 4 anos con xogos lúdicos e educativos.

Na zona de actividades multiaventura os protagonistas serán o puentemono, tirolina, rocódromo e pony. Como novidade, este ano incorporarse á oferta multiaventura a chamada Bola de Zorbing, para os máis atrevidos.

Maxia,  desfile e o himno da Romaría do Rapaz

A animación do recinto durante toda a xornada chegará coa música do Home Orquestra, moniciclistas e zancudos. O Mago Teto tamén chegará a siador co espectáculo do afiador, no que risas e maxia están asegurados.  Títeres Viravolta estará presente un ano máis na celebración de Siador, coa obra O galo Quirico.

Os pequenos da escola de baile de Xirandola poñerán o toque tradicional. Un dos momentos estelares da xornada será a estrea do Himno da Romaría do Rapaz, na que participan máis de 50 rapaces, e que terá lugar no anfiteatro despois da celebración da Eucaristía Infantil, outro dos clásicos que se celebrará ás 12.30 horas.

 “Os alumnos e alumnas das escolas de música municipal e os que integran o coro levan meses traballando a reo nesta peza, con música e letra centrada no significado da festa”, engade Margarita Campos. A actuación chegará baixo a batuta de Rafael Agulló, director da Banda Municipal de Silleda.

As actividades deportivas tamén estarán presentes na Romaría. Así, durante toda a xornada o Club de Xadrez Ágora levará a cabo partidas simultáneas, incluíndo tamén actividades didácticas relacionadas co xadrez, para fometnar o interese neste deporte entre os asistentes.

Pola tarde, a partir das 16.00 horas, integrantes do Club Petanca Bandeira e da Asociación Adellís farán tamén unha exhibición de petanca. Os xogos tradicionais, organizados pola Concellería de Deportes, tamén terán lugar pola tarde, co pano, tiro á corda, carreira de sacos… para participantes de todas as idades. Ás 19.00 horas os membros das escolas deportivas municipais participarán nunha exhibición de Kun Fu.

Outra das novidades desta edición será O gran xogo da Romaría, unha serie de probas na que cada participante deberá de demostrar o que sabe deste certamen para acadar a meta. “Queremos conmemorar os 25 anos da festa lembrando, dun xeito divertido e animado, a historia da Romaría”, sinalou Margarita Campos.

A partir das 19.00 horas chega outro dos clásicos: a cita coa pasarela de Siador e o desfile de traxes feitos con material de refugallo. Hai preto de 40 nenos e nenas anotados para realizar esta actividade. Os traxes realizaranse na Casa da Xuventude nas xornadas previas. Os play backs dos cativos completarán a xornada na que o espectáculo de fin de festa  chegará da man de Peter Punk e o neno imperdible, un espectáculo clown repleto de humor, música e diversión.

“Ademais de todas estas actividades e espectáculos tamén teremos algunha que outra sorpresa”, engadiu a concelleira, durante a presentación á que acudiron nenos e nenas que estarán presentes na gran cita de Siador.

Bus dende Silleda a Siador e obradoiros de preparación

Ademais, durante toda a xornada haberá un servizo de autobús dende Silleda ata o recinto da Saleta, por xentileza da Autocares Cuíña. A saída será dende a Casa da Cultura e os horarios daranse a coñecer nos vindeiros días.

Na semana do 25 ao 28 terán lugar os obradoiros de preparación previa do recinto “para que os nenos, os auténticos protagonistas preparen a súa festa”, sinalou a concelleira.

Intercambio RAPAZartist e traballo audiovisual

Margarita Campos tamén se referiu durante a súa intervención á celebración do intercambio xuvenil RAPAZartist, que xuntará a mozos e mozas de Silleda, Lituania e Portugal. O grupo, de 30 persoas, terá a súa base en Siador e participará nos días previos na preparación de actividades ademais de sumarse á agardada cita do día 30. “Esta iniciativa darálle ademais un carácter internacional á Romaría”, sinala.

En canto ao orzamento da celebración a cantidade prevista é de 9.000 euros, menos que en edicións anteriores “pese a que se mantén o nivel das actividades”.

A concelleira de Cultura agradeceu ás entidades, empresas, asociacións, comercios, veciños e pais saletinos de Siador, voluntarios que estarán na romaría e aos participantes do intercambio, entre outros, a súa aportación “a esta festa única, que de seguro volverá a encher de ilusión a moitos nenos e nenas”. Ademais, con motivo da celebración do 25 aniversario tamén se realizará un traballo audiovisual para recoller a historia deste certame. Dende o departamento municipal de Cultura conseguiuse ademais material gráfico de anos anteriores.

Na presentación, que rematou cunha merenda para os asistentes na praza de Benito Rivas, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, convidou a todos a “participar e disfrutar dunha festa que ten identidade propia e un carácter interxeracional”. Así, lembrou que ela participou nas primeiras  edicións “ao igual que outros silledenses da miña xeración que agora acudimos cos nosos fillos”, engadiu. Paula Fernández tamén advertiu que esta romaría “é un pequeno gran tesouro, un legado que debemos de seguir trasmitindo aos que veñen detrás”, engadiu