Aprobadas as bases do Plan Municipal de Axuda a Emprendedores

Silleda, 24 de setembro de 2015. O Pleno de Silleda deu o visto bo ás bases do Programa de Axudas Municipais a Emprendedores, que ten como finalidade colaborar de forma activa na xeración de emprego no municipio, apoiando a posta en marcha de novos proxectos empresariais.

Segundo recollen as bases, poderán acollerse a estas axudas os empresarios/as, autónomos e as pemes de Silleda que iniciaran a súa actividade dende o pasado 1 de xullo e ata o 31 de decembro.

As entidades deben de ter o seu enderezo no municipio, ser empresas de nova creación e como mínimo un dos promotores debe de estar en situación de desemprego ao inicio da actividade.

“Optamos por establecer un sistema de axudas a fondo perdido subvencionando os  gastos que se detallan nas bases e apostando por axudar a todos aqueles emprendedores ou emprendedoras, sin esquecer outras medidas de apoio”, indica a concelleira de Emprego, Ana Luisa González Costa.

As axudas a fondo perdido teñen por finalidade subvencionar parte dos gastos da posta en marcha e funcionamento da empresa durante os primeiros meses de actividade. O importe das axudas será o 50% dos gastos efectuados no periodo inicial, cun máximo para cada unha das de 2.000 euros.

Poderán ser subvencionables os gastos de constitución e apertura (visado honorarios e gastos de proxectos técnicos, licenza de obra, alta no Rexistro Mercantil..); existencias iniciais de mercadorías; gastos de aluguer, vehículos de empresa, equipos informáticos.. subministros e gastos correntes…

Estas axudas serán ademais compatibles con outras concedidas por entidades públicas ou privadas, cumprindo unha serie de requisitos que recollerán tamén as bases.

Tramitación e seguimento

As solicitudes deben de presentarse por rexistro, cubrindo un formulario e anexos que se poñerán a disposición dos interesados e coa documentación que se especifica nas bases (memoria do proxecto empresarias, facturas de gastos, permisos…). A Concellería de Emprego será encargada de elevar as propostas á Xunta de Goberno Local, órgano que resolverá sobre as axudas a conceder, e de facer un seguimento dos proxectos empresariais.

As solicitudes poden presentarse ata o 31 de decembro (ou ata esgotar orzamento).

As bases onde figuran todas as condicións e requisitos serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra, e na páxina web municipal.

“Este programa de axuda a emprendedores é unha das grandes apostas deste goberno para esta lexislatura. O fomento do emprego e o apoio aos nosos emprendedores e emprendedoras é un dos grandes retos, unha aposta que xa figuraba no noso programa electoral e que agora iniciamos coa posta en marcha desta iniciativa”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Para esta primeira fase do programa, ata decembro, hai unha partida orzamentaria de 15.000 euros e as previsións pasan por ampliar estas axudas nos orzamentos de 2016.

“A día de hoxe xa tivemos varias consultas de persoas interesadas en acceder a estas axudas, xente nova sobre todo que aposta polo autoemprego como unha saída”, indica González Costa.

Negociando microcréditos

Ainda que en nun primeiro momento se falou dun plan de microcréditos, dende o Concello de Silleda optouse pola fórmula das subvencións a fondo perdido, como aposta decidida polos emprendedores, e tamén como sistema máis axustado normativamente á condición de institución pública da entidade local.

Pero de xeito paralelo a este Programa de Axudas Municipais a Emprendedores, o goberno municipal de Silleda está xa a negociar con distintas entidades bancarias créditos en condicións vantaxosas para axudar tamén a estes emprendedores e emprendedoras de Silleda que se acollan ao plan municipal.

“O desemprego segue sendo a día de hoxe o principal problema que temos. Con esta iniciativa trataremos de atallar esta problemática dende dous frentes: por un lado coas axudas municipais para a posta en marcha dos proxectos empresariais e por outro coas negociacións cos bancos para que apoien tamén e confíen, coma nós, nos nosos emprendedores”, engade a concelleira.

Consulta as bases no arquivo adxunto.