O Concello de Silleda pon en marcha a oitava campaña de recollida de plásticos agrícolas

– Nesta fase de actuación recolleranse os avisos vía telefónica ata o vindeiro día 15 de abril, e a partir de aí establecerase un calendario de recollida por zonas

Silleda, 1 de abril de 2016. O goberno de Silleda ven de firmar un convenio coa Sociedade “Solucións Integrais para o Medio Ambiente”, SIMA, S.L. para a recollida de plásticos agrícolas. A empresa encargarase de prestar o servizo de recollida e reciclaxe, sen custe para o concello, durante un ano.

O Concello de Silleda, a través das  Concellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, dirixidas por Klaus Brey e Jesús Taboada respectivamente, pon en marcha unha nova fase do programa de Recollida de Primavera de Plásticos Agrícolas de Silos e Invernadoiros.

Así, os veciños e veciñas poderán chamar ata o vindeiro venres día 15 de abril para dar os correspondentes avisos, aos números 986 581028 e 986 5800000, en horario de 08.00 a 15.00 horas, indicando nome, apelidos, teléfono e ubicación dos plásticos. Unha vez ordenada a relación de solicitudes, programarase o calendario de recollida por zonas, informando en cada parroquia dos días en que pasará  o camión do servizo. Dende o departamento de Medio Ambiente, advírtese aos usuarios da importancia de dar os avisos dentro do prazo establecido, ata o día 15, para programar a recollida, avisando de que calquera petición ou chamada posterior non será tida en conta.

Colocación de avisos

Así, e ademais de colocar avisos no rural informando desta campaña, tamén se procederá a avisar telefonicamente ós usuarios anotados e a  instalar en cada parroquia escritos dando conta do día no que se procederá a recollida. Os agricultores e gandeiros deberán de dobrar e empacar os plásticos da mellor forma posible. Ademais, os plásticos deberán de ter ademais a menor sucidade posible, e evitar conter outras materias impropias que dificulten os traballos de reciclaxe.

Buzoneo de 2500 folletos informativos no rural

Dende o Concello de Silleda quérese facer fincapé sobre a reciclaxe no rural e para iso repartiranse 2500 folletos informando tanto da recollida dos plásticos agrícolas, coma do uso dos distintos contedores, así coma de horarios e residuos admitidos no punto limpo.