O curso de informática e internet aplicados ao rural celebrarase o 28 de maio

Silleda, 11 de maio de 2015. A Concellería de Emprego de Silleda, que dirixe Pili Peón, acordou pospoñer para o xoves 28 o obradoiro práctico de informática e Internet aplicados ao Medio Rural, que estaba previsto celebrar mañá martes.

Esta decisión chega porque moitos dos interados na xornada,  dirixida a traballadores/as do sector agrogandeiro, están estes días volcados nas tarefas de ensilado.

A actividades está enmarcada no IV Plan de Acompañamento do Sector Agrario Alimentario e Turístico, que se financia con fondos de Agader.

Así, e en colaboración co GDR Terras do Deza, a concellería de Emprego fai esta convocatoria, cunha duración de 6 horas e un carácter eminentemente práctico.

A cita será de 09.00 a 15.00 horas na Aula Informática da Casa da Cultura de Silleda, con varios módulos formativos.

Así, ademais de conceptos básicos de informática, os asistentes tamén recibirán sesións prácticas no manexo de correo electrónico, Internet, e realizarán aplicacións prácticas aos servizos ligados ao medio rural.

O curso é gratuito e as persoas interesadas deben de formalizar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello, onde se lle facilitará un impreso específico. As prazas están limitadas ao foro da aula, e os interesados aínda poden anotarse.

“Con esta iniciativa queremos axudar aos nosos gandeiros e agricultores a aproveitar as vantaxes das novas tecnoloxías”, explica Pili Peón, advertindo de que con este curso adquirirán coñecementos útiles para o seu traballo como as vantaxes da Administración electrónica, á hora de tramitar axudas, entre outras.