O prazo para solicitar a bonificación no recino do IBI para construcións agrogandeiras remata o vindeiro 31 de mazo

Silleda, 8 de marzo de 2017.  O vindeiro día 31 de marzo rematará o prazo para solicitar, neste ano, a bonificación do 95% para as explotacións agrogandeiras acordada polo Concello de Silleda. O día 1 de xaneiro, logo da modificación da normativa aprobada no Pleno, entrou en vigor a nova ordenanza, con carácter rogado.

Dende a entrada en vigor da ordenanza lévanse xa tramitado preto de medio centenar de expedientes.

Os propietarios de granxas, estabulacións, naves, galpóns, ou invernadoiros –sempre que estén en activo- deben acudir  Punto de Información Catastral (PIC) do Concello, situado nas oficinas municipais da rúa Alfonso Trabazo, para solicitar a correspondente bonificación. Alí deberán de presentar a documentación oportuna para acollerse a este desconto que posibilitou a proposta de Alcaldía aprobada inicialmente no Pleno de maio de 2016.

Coa modificación da normativa municipal recóllese a bonificación do 95% da parte da cuota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) na construcción de instalacións rústicas indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, coa declaración previa de especial interese e utilidade pública municipal, social e de fomento do emprego.

Esta medida xurdiu como resposta á aplicación da resolución da Dirección Xeral do Catastro, que marca como prazo ata o ano 2016 para levar a cabo a actualización pola cal se teñen que catastrar todas as fincas do rural, así como dar de alta bens como instalacións rústicas, que son catalogadas como almacéns ou vivendas.

A consecuencia disto, as instalacións agrarias inclúense agora no Imposto de Bens e Inmobles, co cal pasarán a pagar a cota correspondente.

Dende o Concello, e acolléndose á normativa que permite as bonificacións potestativas, instouse ó pleno a establecer o máximo permitido de bonificación da cota íntegra do IBI, (95%), declarando ao sector gandeiro como sector estratéxico. “Ningúen dubida do peso do sector primario no noso Concello”, sinala o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuíña, que advirte que con esta bonificación “tamén axudamos a un sector que agora se ve afectado por esta revisión catastral do Estado logo das moitas vicisitudes polas que vén pasando”, engade.

O rexedor lembra que para o vindeiro ano a ordenanza continuará estando en vigor, co que se abrirá de novo un periodo similiar, entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo para formalizar a solicitude.