O programa Cultura no Camiño trae a Silleda a Linho do Cuco e o teatro de Bandullo Azul

O programa Cultura no Camiño, impulsado por Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e a Axencia Turismo de Galicia, e asociado ao Camiño e á celebración do 800 aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, trae a Silleda dúas destacadas propostas culturais para o vindeiro mes de outubro, con música e teatro.

Linho do Cuco e o teatro de Bandullo Azul son os protagonistas do programa Cultura no Camiño en Silleda. A formación musical recalará no auditorio municipal Manuel Dopazo da Bandeira o venres día 11 de outubro (21.30 horas), onde presentarán o seu novo traballo discográfico: As Alegrías. O novo disco da banda, con integrantes das comarcas de Deza-Tabeirós, está inspirado no interior de Galiza e por iso leva o nome das entrañas do animal. É un disco corado polo aire cortante do montes do interior de Galiza, que os cabalos salvaxes fan asubiar co seu galope. Mais tamén é un disco que torna o frío interior polo repertorio que contén: repertorio de tabernas, de banda, de verbena, de orquestras do interior. Dos Padernes do Caurel, do Quinteto Monterrei,da Banda da Ribeira Vella, da Banda de Veteranos de Lalín, da Republicana de Bermés…

Linho do cuco está formado por Pablo Bernárdez (zanfona), Xián Herrera (gaita, pratos, piano de xoguete), Pablo Doval (tuba), Miguel Touriño (bombo), Pablo Pardo (frautas), Marcos Pérez (percusión), Carlos Quintá (acordeón diatónico) e Benxamín Otero (oboe e corno inglés).

Teatro en familia

A cita co teatro será o sábado día 26 de outubro na Casa da Cultura de Silleda, da man de Bandullo Azul, compañía teatral que naceu o ano pasado inspirada en Barriga Verde. Baixo a dirección de Evaristo Calvo, os actores Fran Campos e Fran Amexeiras darán vida ao mítico naúfrago da obra de Daniel Defoe e o seu criado na obra “A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres”. Trátase dunha comedia delirante para ver en familia que narra o día a día dos protagonistas na illa deserta. A cita será ás 20.30 horas no salón de actos.  

“Dende o departamento de Cultura consideramos que se trata de dúas actuacións de primeiro nivel e agardamos que o público se achegue a coñecer o traballo tanto de Linho do Cuco, que xa é todo un referente no panorama da música popular, como a nova proposta teatral destes dous actores, tamén coñecidos polo seu traballo noutras compañías e tamén a nivel individual”, engade a concelleira de Cultura, Margarita Campos.