O Programa de Nadal ,con preto de 40 actividades comeza o día 9, con novidades e a recadación solidaria para o Sáhara

Silleda, 3 de decembro de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, acompañado polas concelleiras de Cultura, María José Fernández, Deportes e Turismo, Ana Luisa González, e de Benestar Social, Pilar Peón, presentou hoxe a Programación de Nadal 2015-2016 na que figuran preto de 40 actividades para todas as idades e gustos: culturais, deportivas, e lúdicas.

A programación arranca o mércores día 9 co inicio do XVI Concurso de Escaparates e remata o 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis.

Ademais de actividades xa tradicionais, coma os obradoiros da Casa da Xuventude –con temática moi variada-, o programa inclúe novidades coma o concurso de selfies no que os participantes deben remitir a súa foto feita en calquera das actividades que conforman o programa de Nadal.

As bases do certame están na páxina web municipal e o premio será unha cámara fotográfica de gran resolución.

 

Tamén se recupera a Carreira de San Silvestre, o 31 de decembro. Partirá ás 12.00 horas dende a praza Juan José Salgueiro e haberá distintos percorridos en función das idades.

Dende o Concello anímase aos veciños e veciñas a participar nesta cita, que levaba anos sen celebrarse. Os interesados teñen que anotarse na Casa da Xuventude.

Tamén se incorporan actuacións destacadas, así no ámbito teatral o domingo día 13 terá lugar a presentación da obra ‘A Fotógrafa’ en Bandeira, de Pilar Abades e Cristina Collazo. A cita coa presentación desta proposta escénica destas dúas veciñas de Silleda será no auditorio Manuel Dopazo, ás 18.30 horas.

O Teatro Daboapipa, cos “Contos animalarios”, tamén chegará a través do programa infantil “Avelaíña” o Centro Cultural Vista Alegre o día 26 de decembro.

Dende a biblioteca municipal Daniel Castelao, ademais da campaña de animación á lectura nos centros de saúde, chegan dúas novas actividades A árbore que se fai e se desfai’. Trátase dunha árbore solidaria construída con libros da biblioteca xa descatalogados.

Estes libros, están a disposición de todos os interesados en mercalos a un baixo custe. Todo o recaudado irá destinado axudar económicamente a paliar a emerxencia social xerada no Sahara a raíz das inundacións do pasado mes de outubro

Tamén se poñerá en marcha un xogo de encrucillada baixo o título Canto sabes de Silleda?, que trata de poñer a proba a todos os usuarios da biblioteca. Unha pregunta de interese para todos os silledenses estará colocada na fachada da biblioteca e todos os que sepan a resposta entrarán no sorteo dun vale para mercar libros en galego.

Música e solidariedade

No ámbito musical o programa contempla varios concertos, algún deles xa clásicos no programa sillendese. O sábado día 12 chega unha das grandes citas musicais deste Nadal: O Concerto Extraordinario de Nadal da Coral Polifónica Trasdeza, baixo o lema ’25 Anos en Familia’. Un concerto que pecha os actos do 25 Aniversario deste colectivo. Será ás 20:00 horas no Auditorio da Semana Verde.

O sábado 19, tamén no auditorio Semana Verde celebrase o 16 concerto de Nadal da Banda Municipal de Silleda (21.00 horas) e o domingo 20, terá lugar no auditorio Manuel Dopazo, ás 18.30 horas, o Concerto de Nadal da Banda da Bandeira.

Outra das citas máis agardadas terá lugar o domingo 27, co concerto “Invención”, a cargo de Odaiko Percusión, no auditorio da Semana Verde, ao que precederá un obradoiro de percusión na Casa da Xuventude (17.00 horas) nese mesmo día impartido polo grupo Odaiko.

O 2 de xaneiro tamén se celebra o Concerto de Ano Novo na Bandeira, con todos os grupos da localidade, aos que se suma este ano o grupo de teatro Medias Verdes, que fará as presentacións.

No ámbito deportivo, ademais da carreira de San Silvestre o día 18 celebrase un campionato de ping pong na Casa da Xuventude e o sábado 19 terá lugar unha nova edición do Torneo Biberón de fútbol, no pavillón César González Fares.

Todas as actuacións e o campionato biberón terán un carácter solidario. Os asistentes poderán aportar tanto donativos económicos coma alimentos ou xoguetes novos.

A recadación económica destinarase á axudar ao pobo saharaui e os alimentos e xoguetes (sen usar) para o programa Silleda Solidaria, que volve poñer en marcha a campaña Un agasallo, un sorriso.

Visita do Apalpador e xornada de integración

con Working Wheels

O martes día 22, o Apalpador visitará Silleda, nun acto que chega dende a Deputación de Pontevedra. Esta figura tradicional do Nadal nas zonas de montaña de Galicia estará tamén no mosteiro de Carboeiro dende o día 14.

Tamén ese mesmo día celébrase no pavillón César Fares a xornada de integración con Working Wheels, o colectivo de Lalín que aposta pola integración das persoas con movilidade reducida.

Entradas para o Parque de Nadal da Semana Verde e cabalgata

O alcalde explicou que a cabalgata de Reis do 5 de xaneiro rematará este ano no recinto Feiral Semana Verde, no marco das liñas de colaboración entre o Concello e a Fundación, que alberga nestas datas un parque de atraccións para os máis cativos.

O alcalde explicou que ademais de sufragar a entrada aos nenos e nenas das familias usuarias dos Servizos Sociais, o Concello asumirá o custe de 100 entradas para repartir entre os centros educativos para que as sorteen entre o alumnado. O programa de Nadal ten un orzamento de 10.000 euros, incluído o alumeado que xa se comezou a colocar e que se acenderá o día 15. O alcalde destacou a colaboración este ano da Deputación de Pontevedra, á que agradeceu o seu apoio.