Parroquias

Abades

Abades, Bazar, Campomarzo, Covas, Reboreda.

Non aparece no nomenclátor: Bouza, A.

Famosa polo seu Santuario da Nª Srª dos Desamparados, na honra de quen, Melchor Ricoi construíu un impresionante templo. A torre é a máis alta da Comarca e fronte a ela atópase a primitiva igrexa románica, moi sinxela de fábrica, con fermosos capiteis e canzorros. Un cruceiro ben traballado a carón dunha fonte milagreira vencellada ó ritual deste santuario e ó do Corpiño (Lalin) preside este conxunto monumental. En Abades atópase a estación de ferrocarril de Bandeira.

Ansemil

Ansemil, Manduas

Parroquia moi pequena, pero das máis nomeadas no concello e Comarca. En Ansemil atópase a igrexa monacal prerrománica que pertenceu ó mosteiro de San Pedro de Ansemil, que xa existía no ano 1087. Adosada a ela érguese moi fermosa, unha capela do século XIV, que garda sepulcros dos Deza, o cabaleiro Diego Gómez de Deza, cunha imaxe en pedra da Virxe do Leite, rosetón tórico, canzorros, capiteis románicos e interesantes portadas, así como ventanais góticos escasos na zona

Breixa

Breixa, Breixiña, O Castro de Breixa, Outeiro, A Pena

Destacan, o Castro das Penas e os gravados rupestres de Primadouro. No interior da igrexa parroquial, extraordinaria ábsida e dos mellores capiteis románicos da Comarca, coas súas figuras de extraordinaria importancia na mitoloxía e escasas: sireas, arpías e centauros… De Breixa era nativo e está enterrado o fillo ilustre de Sillleda e coengo de Lugo D. Antonio García Conde, investigador e mestre de caseque tódolos curas do Concello. No se contorno tamén hai que mencionar a Casa de Fares, con portalón brasonado e capela dos Gutiérrez del Bustillo

Carboeiro

Carboeriño, Carboeiro de Francia

En Carboeiro tan só nomear ó monumento, símbolo de toda a Comarca: o Mosteiro, do que se fala noutras páxinas desta Web con máis detalle. A igrexa parroquial conserva unha notable colección de canzorros románicos e unha imaxe gótica da Virxe, de grande valor artístico.

Cervaña

Alfonsiños, Ouzande, Reguenga, Requeixo. Non aparece no nomenclátor: Cova A.

Situada na aba do Monte Péon e regada polo Río Cervañiña, afluente do Toxa, posee grandes extensións de pradeiras e terras ricas que a fan aptas para todo tipo de cultivos e explotacións agropecuarias. O seu recoñecemento histórico veu da man da liñaxe dos Fernández de Deza e Taboada que lle deron o título de Patrón de Cervaña, e que chegou ata o Marqués de Santa Cruz de Rivadulla. Dende o ano 2003 a súa sona permanecerá unida o viaducto de Reguenga da autoestrada A 53 e a peaxe que a sitúa a 9 Km de Silleda e a 23 km de Santiago. Destaca a capela funeraria do Fernández de Deza, como espléndido exemplar único da comarca, con fachada plateresca e interior gótico de transición

Chapa

Cornado, Cruz A, Chapa, Eirexe, Penido. Non aparece no nomenclátor: Chaira A.

Situada no centro da comarca, durante moitos anos neste enclave situouse a sede administrativa do Concello. A súa importancia histórica reflíctese: na ponte sobre o río Toxa, en ser paso peregrinos con albergue-hospital, ser asentamento dun dos castelos máis importantes dos Deza na comarca. A igrexa foi construída no S XVII e destaca a capela de S. Brais do S.XVIII. Por esta parroquia pasa hoxe o camiño a Santiago, a Vía da Prata.

Cira

LUGARES
Altamira, Braña A, Cruz A, Currás Os, Curro O, Fucarelos, Rendo, Santa Baia, Sobrado, Sobrado, Vilacalva, Vilar. Sen aparacer no nomenclátor: Candao O, Carballeira A, Lameira A.

DATOS DE INTERES
É a parroquia situada máis ó norte do municipio, que aquí limitan o Deza e mailo Ulla na súa confluencia. Por outra banda Cira representa a conexión de Silleda coa provincia da Coruña e no aspecto agrícola ven sendo denominada a “Horta de Trasdeza”, con importante producción de productos hortofrutícolas como a xudía, tomate, pemento… ata o viño albariño. Na arquitectura civil destaca a Casa de Paizás, solar fundado en 1717, e como atractivo especial a Torre de Cira, que, construída en 1115 polo conde Bermudo Suárez foille arrebatada pola raiña dona Urraca quen en 1121 prendeu por sorpresa ó arcebispo Xelmírez, e sofriu cárcere varios días dentro das súas paredes.

Cortegada

Barral O, Brea A, Camporrapado, Cardigonde, Cortegadela, Covas, Fondevila, Framiñán, Regalade, Segade Xubin. Non aparecen no nomenclator: Burgo O, Chaos Os, Pena A, Revolta A.

Parroquia das de maior superficie do concello e unha das máis poboadas é acreedora de atención por datos históricos de certo interese. Tiña feira propia en Camporrapado o día 24 de cada mes. E foi paso obrigado cara ó Ribeiro polo camiño de ferradura que o cruzaba. No S. XVIII tiña censados dez taberneiros e quince arrieiros. Destacar, os vestixios da vida primitiva co Castro do Cura e na arquitectura relixiosa a igrexa do s. XVI e as capelas de S. Brais da Casa de Os Chaos, famosa pousada de arrieiros; de Framiñan dedicada a Sta Lucía e a dos Aflixidos, en Camporrapado do ano 1812. En Camporrapado atópase a casa natal do político galeguista Antón Alonso Ríos (1887-1980).

Dornelas

LUGARES
Bascuas, Dornelas, Portiño O. Non aparecen no nomenclator: Augacai, Marcón, Romanín, Rosedo, Zanca A.

DATOS DE INTERÉS
Comparte con Cira o suave declive das terras do municipio cara ó cauce do Ulla. Ámbalas dúas freguesías dependeron sempre da archidiócese de Santiago. Dornelas aportou a Trasdeza a singularidade da ábsida semicircular da súa igrexa que na Comarca só presenta o mosteiro de Carboeiro, e que se considera distinto do románico compostelán. Cabe supoñer que na construcción traballaron canteiros formados no taller do mestre Mateo, que dirixía naquela época (1171) as obras da catedral. Por estos lares tamén camiñan os peregrinos na última etapa da súa viaxe pola Vía da Prata cara a Santiago.

Escuadro

Balántiga, Barreiro, Bustelo, Cascaxide, Cimadevila, Cumbraos, Escuadro, Férveda, Outeiro, Paredes, Penadauga A, Portovello, Rañadoiro, Sar, Senra, Sestelo, Soldecasa. Non aparecen no nomenclátor: Somoza A. Torrón

É unha das parroquias máis extensas e poboadas do municipio, que destaca polo seu volume de producción láctea e pola súa mecanización agraria. No aspecto artístico hai que subliñar: a igrexa románica que conserva a súa primitiva fábrica románica da porta e tímpano (S. XII). Santuario de Sta. Isabel con famosas romerías onde se curan as verrugas. Pena da Auga, lugar de culto prehistórico, visita obrigada do ofrecido. O pazo de Cascaxide preto dun castro do mesmo nome, que foi casa dos Espinosa (S XVII) e que forma un fermoso conxunto con torre, capela e cruceiro. Tamén paga a pena visitar o Salto de Férveda situado no lugar do mesmo nome.

Fiestras

Aragonza, Barcia, Costoia, Fiestras, Maril, Marín, Recimil, San Martiño, Santo Antonio

A antigüidade da parroquia reflíctese no nome do patrón, San Martiño, e das súas aldeas, Aragonza que lembra á raíña Sta. Aragonta, pertencente á familia dos Condes de Deza no século X. Cabe mencionar o fermoso conxunto formado pola igrexa e cruceiro barrocos, con escaleira de acceso da escola compostelá e a Casa do Arco ou do Convento, en Maril, que pertenceu ó mosteiro de Acibeiro.

Graba

Arcos, Barreiro, Eirexe, Ervixe, Fontao O, Outeiro O, Pedrouzo, Penalta, Santa Mariña, Souto O, Vilar.

Nesta parroquia con economía fundamentalmente basada na gandería, pódese visitar polo seu interese, a Capela de Sta. Mariña, mártir galega do S II, lugar con romaría tradicional e onde foi atopada unha ara na honra dos Lares Viales, protectores dos camiños, hoxe no Museo de Pontevedra; o conxunto megálitico do Monte Penido e o conxunto formado pola igrexa parroquial, centro social, e praza con cruceiro moi interesante. En Vilar outra capela, esta, dedicada a San Sebastián, da testemuña da vocación relixiosa da zona.

Lamela

Barravaite, Brea A, Casela A, Goleta A, Gorís, Peroxa A, Santa Cristina, Souto O, Vilariño. Non aparecen no nomenclátor: Gandarela A.

A parroquia de Lamela cultiva unha chaira fértil cruzada pola estrada nacional 525 a Santiago e historicamente pola Vía da Prata. Deso dan boa conta a cantidade de Bares, Restaurantes, Turismo Rural e servicios diversos que a configuran coma un núcleo en progreso ben coidado e cun trazado urbano fermoso. Ademáis ten saída da Autoestrada A-53, que ven a potenciar a fama gastronómica de que goza

Laro

Forcas, Freixeiro, Galán, Laro, Pereira A, Pereiro O, Riobó, San Marrtiño, Sante, Souto O. Non aparecen no nomenclátor; Calvela A, Gandarela A, Pelures.

Conforma un núcleo rural de certa importancia en servicios dentro da xeografía do concello, que atende ás parroquias colindantes. Algunhas empresas relacionadas co metal, a producción láctea e os servicios garantizan a estabilidade da poboación, feito este que se ve fortalecido coas importantes estradas que a cruzan e que van de Silleda ó Carballiño e de Lalín a Pontevedra, coma noutrora o facían os Camiños de Arrieiro que levaban ó Ribeiro e á Ulla. No aspecto histórico, sobresaen o Cruceiro do Camiño (1171), e os gravados rupestres da Pena das Cazolas.

Manduas

Andamollo, BANDEIRA A, Bravil, Calzada A, Castro O, Crestelle, Devesa A, Ferrozos, Letros, Lourás, Medelo, Moa A, Outeiro, Quintela, San Tirso, Vilaverde. Non aparecen no nomenclátor: Viña A.

Manduas, foi identificada polo medievalista Piel como a ” Mándolas” do nomenclátor suevo de mediados do S. VI, tras sinalar que o seu nome procede do latín ” amandola”, que significa améndoa. Ten a curiosidade de que na súa demarcación está o núcleo de Bandeira que con 665 habitantes, (censo de 2003), unha estructura urbana ben trazada e unha oferta comercial e de servicios de relevancia segue en importancia a Silleda. O longo do seu término cabe destacar, a igrexa parroquial, levantada nos anos trinta, coa porta románica da orixinal e co detalle de ser a única da Comarca coa fachada ó nacente. Así mesmo hai tres cruceiros de especial interese situados no cemiterio, no campo da feira e no lugar de Quintelas. Na arquitectura civil, sobresae a Casa da Viña con escudo con armas dos Gil, Taboada, Luaces e león coroado dos Valenzuela e capela dedicada a San Antonio. Nesta casa, naceu o escritor e político Ramón Valenzuela (1914-1980).

Margaride

Costela, Gamil, San Fiz, Vilanova.

Aínda que pequena en extensión e poboación, Margaride dispón dunha serie de atractivos que convidan a facerlle unha visita. Por Margaride pasa a Vía da Prata, que aquí fai punto quilométrico 38. No fermoso lugar de Costela, nun conxunto de edificacións nobres atópanse a casa de turismo rural, Casa Méndez, a casa-torre do s. XV, único exemplar gótico de transición na arquitectura civil de Trasdeza e a casa e taller do pintor máis internacional con alma galega, Manuel Colmeiro (1901-1999) , onde pasou grandes temporadas, considerado hoxe por algúns, como un pequeno “santuario da arte galega”.

Martixe

Martixe de Abaixo, Moa A, Paradela

O nome primitivo do lugar foi Martis, segundo documento de 1154. Desta parroquia cabe destacar a fermosa paisaxe que conduce a Carboeiro e o feito de ser aquí, no lugar de a Moa, onde se acolle o cámping de 1ª categoría Medelo- Xacobeo 93, tamén cun espacio dedicado a albergue de peregrinos.

Moalde

Cabana, Caxamaría, Costela, Eirexe, Lis, Meda A, Outeiro, Portela A, Quinteiro, Rabo de Gato, Ribas, Xindiriz

As mellores panorámicas do Concello divísanse desde esta parroquia . Dende o emblemático monte de S. Sebastián, a 750 metros de altura, disfrútanse, os vales de Escuadro e da Ulla, e caseque coa mesma claridade, pódense observar, o Pico Sacro marcando a dirección a Santiago ou o monte Faro, ó nacente, que nos indica o límite da Comarca de Deza. A igrexa parroquial, do 1829, chama atención pola esbelta fachada de grande porte, neoclásica, e a torre-campanario de máis de vinte metros de altura.

Negreiros

Campo O, Couto O, Negreiriños, Outeiro, Ponte da Pedra A, Ribeirao, Riobó, Riocalvo, Sachocos, San Martiño.

Bañada polo río Toxa, aparece xa documentada no ano 878 con motivo dunha permuta de terras.O seu templo parroquial destaca polo seu grandioso campanario barroco, e, segundo comentan os seus veciños, polo bo son das súas campás. O seu valor arquitectónico descúbrese precisamente no interior, co arco triunfal, capiteis e ábsida, todos eles románicos. Cruzada pola Vía da Prata, vía do tren, autoestrada A 53 e a N.525, é a carón desta última onde hai emprazadas varias empresas de certa importancia dentro do tecido comercial do Concello.

O Castro

O Agriño, O Coto, Lázara, O Outeiriño, O Telllado, Vilavella. Non aparece no nomenclátor: Regueiro O.

Esta parroquia debe o seu nome a un castro prehistórico. A igrexa parroquial románica do S. XII ten canzorros interesantes e uns símbolos moi relevanes gravados nun dos laterais da igrexa. Nesta parroquia atópase a Estación de Ferrocarril de Silleda

Oleiros

Laxe, Marza, Oleiros, Pazos, Pena do Camiño, Vilanova. Non aparecen no nomenclátor: Carballo O, Fornería Malata A.

Debe o seu nome a antiga industria do barro, que deixou varias mostras cerámicas nos xacementos castrexos de Casto Montaz e Castro das Orelas. A igrexa local conserva sobre da súa entrada un curioso tímpano románico, semellante ó da igrexa de Taboada, que amosa a loita de Sansón e o león. O seu carón, no adro, atópase un interesante sepulcro medieval. Na arquitectura civil destaca o Pazo da Marza ou Casa do Fidalgo. Aquí naceu o Catedrático de Ciencias, Francisco Javier Sánchez Cervela, pai do ilustre polígrafo Francisco Javier Sánchez Cantón.

Parada

Barro O, Cruceiro O, Eirexe, Freixeiro, Outeiro O, Pereiro O, Portodabalde, Redemuiños, Souto Nogueira, Veiga A. Non aparecen: Coelleira A, Currás, Mediodaldea, Portapazos O.

É a parroquia con maior superficie do municipio.O nome delata a súa importancia no paso de camiños de cara ó Ribeiro a Silleda e Ulla, e mesmo ás Terras de Montes. Esta parroquia marca a fronteira sur do Concello, compartindo propiedade do Monte Candán, o máis alto de Trasdeza (1014), cos concellos de Lalín e Forcarei, onde celebraban culto a S. Benito. Nestes cumios do Candán temos outro dos miradoiros más importantes do Concello.

Pazos

Pazos, Quintás.

Nomear Pazos é falar dun lugar de ensoño, dos máis visitados e fotografados do Concello de Silleda. Nesta parroquia o pequeno río Toxa foi capaz de dar nome propio á  unha das Fervenzas máis altas de Galicia, cunha caída libre de cincuenta metros. Admirala dende os miradoiros ou dende o mesmo pé, na fraga que alí se forma, é unha experiencia que ninguén debe deixar pasar.

Piñeiro

Besteiros, Campo O, Castromonde, Castro Castriño, Cuíña, Portapiñeiro, Santifoga. Non aparecen no nomenclátor: Castro O, Monte O.

A igrexa moderna construída no ano 1918 dedicada a S. Xiao para nada lembra a antiga igrexa local que figura nunha doazón feita no S. XII a Carboeiro. Na arquitectura civil sobresae o vello Pazo de Carricoba co seu escudo, portalón grande, pombal e demais elementos propios das casonas fidalgas, que nalgún tempo pertenceu ó marqués de Santa Cruz de Rivadulla.

Ponte

Aldea de Abaixo, Carderrei, Meixomence, Rosende, Sino, Trasfontao. Non aparecen no nomenclátor: Espiño O, Trasdosisto.

Debe o seu nome a unha antiga ponte sobre o río Deza que comunicaba o concello coas terras do Corpiño en Lalín. Na actualidade esta parroquia coas súas grandes extensións de prados ben emprazados nunha zona llana, goza dunhas inmellorables condicións para a construcción de vivendas unifamiliares. Esta característica engadida á proximidade de Silleda co Recinto da Feira Internacional da Semana Verde e a peaxe da autoestrada a Santiago e Ourense avalan esta predicción.

Refoxos

Cardesín, Couto O, Currospedriños, Lázara, Outeiro O, Pallota A, Tixoa, Xastres. Non aparecen no nomenclátor: Calzada A.

Con Laro e Parada forma o cono sul da xeografía de Trasdeza. Durante séculos exerceron sobre dela plena xurisdicción os frades do Mosteiro de Acibeiro, que promoveron unha experiencia singular, realizando unha especie de reforma agraria, entregando explotacións familiares ós colonos que as quixeron traballar. Esta acción fixo incrementar a poboación de cincuenta a trescentos habitantes en menos de cen anos. Noutros aspectos cabe destacar, os vestixios prehistóricos das mámoas da Braña e Curros e a Eira dos Mouros en Tixoa.

Rellas

Corveira, Eirexe, Lama A, Torrevedra A, Vis

Rellas como Escuadro goza das bondades do Val de Escuadro e dos ríos Toxa e o propio Escuadro que alimentan as terras para o labradío. Anque pequena en extensión a súa historia corre parella a do mecenas e protector Beltrán Legerén, de orixe francesa, que dende a súa chegada no ano 1820 transformou a vida de toda a parroquia, modernizando as formas de traballo, creando muíños industriais, levantando unha fábrica de papel e outra de curtidos e incluso realizando diversas melloras na parroquia, incluíndo a facendo a nova igrexa. Hoxe é historia, pero quedan mostras como a casona coñecida como a Casa da Fábrica e a mansión de estilo francés construída posteriormente a carón desta.

Saídres

Aldea Grande, Barradaos, Cañoteira A, Carracido, Casardoño, Caxeba, Maragouzos, Moimenta, Pedralaxe, Pena A.

A fama desta parroquia traspasou os seus propios lindeiros a mediados do S.XX, cando a febre do estaño e do wolfram atraía a xentes que viñan na procura de riqueza e aventuras. Os tempos son outros, e os seus habitantes dedican na actualidade os seus xornais á agricultura e explotacións intensivas gandeiras, hai algunhas moi representativas do sector, ós servicios e tamén á construcción. Referencias históricas están no Monte da Mamoíña e tamén na augas da Fonte das Caldelas, sulfurosas, tépedas e de propiedades curativas.

Siador

Barcia A, Barro, Cartimil, Cóscaros, Costoia, Currelo O, Marco O, Outeiro O, Penadagra, Sestelo, Siador. Non aparecen no nomemclátor: Campo O, Gouxa A, Redondo O.

Esta parroquia figura co nome de Senator e Seador en varios documentos medievais, e da súa antigüidade dan boa conta O Castro do Marco e o de Cartimil, as mámoas de Montedas e Gandaracha e sobre todo os petroglifos da Peneda do Encanto coas lendas cargadas de fantasía. Pero a parroquia e coñecida internacionalmente por atoparse nela o Primeiro Santuario de España (1863) de advocación mariana na honra da Nosa Sra. Da Virxe da Saleta, que tódolos anos, cada 19 de setembro convoca a milleiros de peregrinos. Na actualidade existe tamén un Centro Espiritual Saletino rexentado por misioneiros da orde, para profundizar sobre o fenómeno mariano. No contorno un cámping, carballeiras centenarias e o Pazo de Sestelo dos Rivas que promoveron este santuario. Preto, en Penadagra, tamén merece unha visita unha sobreira de máis de 600 anos.

Silleda

En Silleda atópase a capital do Concello con 2111 habitantes no casco urbano ( datos de 2003). O seu desenvolvemento actual débeo fundamentalmente á Semana Verde que lle sirveu de motor da agricultua e catalizador de investimentos con grande repercusión no sector da agroindustria e dos servicios, xa de carácter comercial, xa administrativos. A Casa do Concello, Servicio de Extensión Agraria, Centro de Saúde con Punto de Atención Continuada, Parque Comarcal de Bombeiros, Cuartel da Garda Civil, Insituto, Escola Municipal de Música, Biblioteca Municipal, Casa de Cultura e Casa de Xuventude, Parque Empresarial e a Feira Internacional danlle á vila o carácter de centro articulador da vida socioeconómica do municipio. Unha visita a Silleda, con inmellorables comunicacións, (Vía da Prata de peregrinos, Nacional 525 e Autoestrada A 53 con peaxe), ofrecerá o encanto das rúas abertas e modernas, do trato afable dos seus veciños, con monumentos dedicados a persoas ilustres (D. Alfredo Ramos e D. Vidal López Ferreiro), ou alegóricos, á Muller Labrega de Acuña e á emigración de García Blanco. As prazas, xardíns, carballeiras centenarias e fontes para o lecer, con castros como o da Eira dos Mouros de Toiriz ou casas señoriais e fidalgas como a de Fuentes, de María Guntin, Pazo de Trasfontao, casonas do Foxo son outros aspecto de interese.

Taboada

Carballeda, Carral, Eirexe, Ponte Taboada A, Reboredo, Regueira A, Taboada Vella, Trasdovalo. Non aparecen: Estación A.

A súa historia xira ó redor da ponte que comunicaba Deza con Trasdeza ou indo máis alá, Castela con Santiago, no camiño da maragatería. A primeira era de táboas(Pons Tabulata), de aí o seu nome, e a segunda, de pedra, aínda segue erguida cunha inscrición nunha rocha próxima que firma o ano da construcción,( 912). Por Taboada pasa A Vía da Prata adquirindo unha especial dimensión espiritual, que se reflicte no conxunto formado pola igrexa románica, o singular e fermoso cruceiro de fuste cónico acanalado con altar, a área recreativa dedicada ó peregrino con dous monumentos dedicados ó Apóstolo Santiago e ó Peregrino Anónimo ( Deseño de Fco. Alen. Obra de Escola Taller de Silleda).

Vilar

A parroquia de Vilar é coñecida, entre outras cousas, dentro e fóra da comarca por contar cunha pequena comunidade da Igrexa Evanxélica, creada no ano 1902. Os intercambios con outros colectivos relixiosos de Ourense, Vigo, Marín… déronlle nome propio a esta comunidade dentro da xeografía española da Igrexa Evanxélica. A antigüidade da igrexa parroquial vén dada pola súa advocación a San Martiño e na súa arquitectura local destacan restos de algunhas casonas.

Celebrada é unha festa de carácter familiar que se coñece como a Festa da Morcilla e que ten lugar no mes de Xaneiro. Turismo Rural en Casa Campos.

Xestoso

Fontefría, Fontelas, Reigosa, Río, Xestoso

Xestoso é a parroquia situada no nivel máis alto do Concello, entre o Monte de S. Sebastián e a Serra do Candán facendo límite co concello de A Estrada. Son coñecidos os “llanos de Xestoso” declarados zona protexida, que está asolagados de auga facendo honra os lugares que mencionan no cadro anterior. Neles atópase a coñecida Lagoa Sacra, un embolsamento de auga que se produce en épocas de inverno e chuvia por mor das capas freáticas da terra, e que deu orixe a infinidade de contos e lendas populares.