O Concello recibe a titularidade de 33 parcelas ubicadas en 7 parroquias do municipio

 

Silleda 2 de decembro de 2017. O Concello de Silleda a ten no seu haber 33 propiedades repartidas en 7 parroquias correspondientes as denominadas anteriormente como masas comúns nos procesos de concentración parcelaria.

O pasado mércores, o teniente de alcalde, Klaus Brey, asistían en Santiago á sinatura da cesión da propiedade, por parte da Consellería de Medio Rural dun total de 33 predios para o Concello de Silleda.

As parcelas sitúanse en O Castro, Ponte, Taboada, Vilar, Cira, Dornelas e Fiestras. Entre as propiedades que agora pasa a titularidade do Concello están equipamientos coma cementerios, centros sociais ou outros equipamentos.

"Esta cesión é moi positiva sobre todo en casos coma o centro social de Ponte, xa que á hora de concorrer a determinadas subvencións públicas, o feito de non poder demostrar a titularidade municipal deixou fora destas convocatorias a colectivos e asociacións que presentaron distintas iniciativas de mellora", indica o alcalde Manuel Cuiña.

Esta cesión efectuouse ó amparo da Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga), que permite achegar ás entidades locais terreos que pertencían ao Bantegal que non teñen usos agrarios.

O alcalde silledense amosa a satisfacción do executivo local por este acto administrativo co que os veciños e veciñas de Silleda obteñen oficialmente a titularidade de terrenos e infraestruturas de usos sociais, "o que supón un avance en moitos sentidos, xa que ata o de ágora nalgúns casos non se podía acreditar a titularidade municipal das instalacións", engade. 

Outorgadas un total de 72 axudas ao transporte universitario

Silleda, 13 de decembro de 2017.  A Concellería de Educación de Silleda, que dirixe Pilar Peón, vén de outorgar –segundo acordo da xunta de goberno local do pasado 22 de novembro- un total de 72 axudas para o transporte de mozos e mozas universitarios e estudantes de ciclos formativos para o curso 2017-2018.

En total a contía das bolsas ascende a 19.000 euros, o que supón un considerable aumento respecto ao pasado ano, ao aumentar tamén o número de solicitudes (de 45 o curso pasado pasaron a 72).

O expediente pode consultarse na web municipa (pinchando no titular desta nova).. As contías das axudas, segundo a renda familiar, van dende os 450 euros (o máximo establecido nas bases) ata os 125 euros. 

A II Feira Gastronómica do Porco repartirá os días 9 e 10 de decembro 17 variedades culinarias

Silleda, 22 de novembro de 2017.  Os vindeiros 9 e 10 de decembro celebrase en Silleda a II Festa Gastronómica do Porco e II Feira de Artesanía, organizadas pola asociación IdeaSilleda. O colectivo presentou hoxe o programa festivo, acompañados polo alcalde, Manuel Cuiña, e polos dous actores e humoristas que presentarán a celebración o vindeiro sábado día 9, Marcos Pereiro e Pepo Suevos.

Durante os dous días poderán degustarse nas carpas da rúa Pintor Colmeiro ata 17 variedades distintas de porco, tres máis que na existosa primeira edición. Así, servirase morro, lingua, patas, rabo, panceta cocida, panceta á plancha, costela cocida e á plancha, empanada de chourizo e panceta, lacón cocido, xamón curado, chourizo, chourizo de cebola, cacheira, orella, raxo, pataca e verza e empanada de raxo. O público, que poderá ver cómo se preparan os pratos en vivo, poderá degustar as racións por prezos que oscilan entre os 3 e 4 euros.

O presidente da asociación organizadora explicou que o certame gastronómico se complementará , á vista do éxito da primeira edición, cunha feira de artesanía na que xa están inscritos 30 artesáns.

A feira abrirá o sábado de 11:00 a 00:00 horas e o domingo ata as 18:00 horas. Os gaiteiros Pau de buxo animarán a primeira xornada pola mañá e pola tarde actuará o Grupo PD2. Tamén estarán presentes cantantes das orquestras Panorama, Paris de Noia e Marbella, formacións que esa noite actúan no Closing Tour que terá lugar na Semana Verde.

O domingo día 10, data en que se conmemora tamén a patroa de Silleda, Santa Olaia, (a asociación asumiu tamén a celebración desta festa) animarán a xornada Os Sin Son Ghaiteiros, PK2 e e a Banda Xuvenil de Silleda.

Os dous pregoeiros, que toman o relevo de Touriñán, amosaron a súa satisfacción por estar en Silleda nesta cita.

Pola súa banda o alcalde, Manuel Cuiña, agradeceu o traballo da organización e resaltou o éxito da primeira edición da cita gastronómica.

O goberno local dará conta no Pleno da reclamación para que se aprobe definitivamente o Plan Xeral

Silleda, 27 de novembro de 2017.  O Plan Xeral será un dos protagonistas do pleno ordinario que terá lugar este xoves día 30 ás 10:00 horas. Así, abordarase a solicitude de autorización municipal para a cesión do contrato de redacción do planeamento, antes con Eptisa, á entidade Alfonso Botana S.L., dirixida polo profesional que xa se encargou do proxecto.

Así mesmo, na sesión o executivo municipal tamén dara  conta á Corproación dun acordo da Xunta de Goberno Local do pasado día 22, para reclamar á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio a aprobación definitiva do Plan Xeral de Silleda, logo de que xa transcorreran 20 meses dende a aprobación provisional, o 18 de marzo de 2016.

No citado acordo lémbrase a tramitación realizada e o último escrito da Dirección Xeral do Territorio, que se recibiu en xullo deste ano e que recolle que para a aprobación definitiva é imprescindible “demostrar a suficiencia de recursos hídricos”, baseándose en sentenzas do Tribunal Supremo e lembrando que se interpreta “de forma estricta o concepto de suficiencia de recursos hídricos para as novas demandas previstas ao equiparalo á dispoñibilidade xurídica acreditada a través do correspondente título administrativo concesional".

Esixense cuestións como a legalización das redes de traídas  parroquiais , “algo que resulta máis que complicado tendo en conta o número de núcleos de poboación  e que compete ademais a Augas de Galicia, xusto o organismo que o esixe”, indica o alcalde, Manuel Cuiña. Asi mesmo se esixe tamén a legalización das captacións de auga de Silleda e da Bandeira, que levan máis de 50 anos en funcionamento. Neste senso o Concello xa conta cun proxecto dun enxeñeiro técnico que certifica que hai recursos hídricos suficientes para os dous cascos urbanos, e que se encargou nada máis chegar a última comunicación da Xunta.

O rexedor considera que a Xunta “non pode esixir 15 meses despois da aprobación inicial, e con 4 anos previos de trámites, que se acredite esta suficiencia de recursos hídricos, para non aprobar definitivamente o Plan Xeral de Silleda”.

A reclamación ampárase nun informe de Secretaría no que se advirte que mesmo a Lei de Augas do ano 85 da dereito aos Concellos con concesións de augas anteriores a continuar con estes dereitos durante 75 anos máis, co que o dereito das concesións estaría garantido ata 2060.

Proposta de aprobación parcial

Neste senso, o acordo recolle tamén unha proposta para a aprobación parcial do PXOM, que se pode realizar “cando as deficiencias só afecten a determinacións tan concretas que, prescindido delas, o Planeamento se pode aplicar con coherencia”, segundo recolle a normativa.  

“Non é loxico que un 20 meses despois da aprobación inicial e decirnos que todo estaba correcto sigan dando voltas. Pedimos en primeiro lugar a aprobación inmediata, e en segundo lugar, e xa que consideramos que nos ampara o dereito das concesións ata o ano 2060 a posible aprobación parcial”, engade o alcalde.

Cuiña tamén advirte que as sentenzas do Supremo nas que se baseou a Xunta para tumbar os planemantos de municipios como Verín, non son “aplicables no caso de Silleda, xa que ademais de influir outros motivos, non só os referentes aos recursos hídricos, aquí non temos deseñadas grandes urbanizacións ás que haxa que garantir auga”, engade.

Licitación do SAF

Por outra banda tamén se someterá a aprobación do pleno o prego de cláusulas administrativas e a convocatoria para contratar o Servizo de Axuda no Fogar, transcorridos os dous anos do contrato anterior.

 

 

Silleda e Paredes de Coura asina o compromiso de irmandamento

Silleda, 26 de novembro de 2017. Silleda e o  municipio portugués de Paredes de Coura serán nos vindeiros meses localidades irmáns. Os alcaldes da dúas localidades, Manuel Cuiña e Vitor Paulo Pereira, asinaron hoxe o compromiso de irmandamento nun acto celebrado no salón de Plenos, ao que asitiron ademais de membros da Corporación representantes do Comité de Irmandamento e membros da Escola do Rock de Paredes, que protagonizou o primeiro achegamento entre os municipios coa música como protagonista

O xuramento asinado hoxe indica que dacordo co principio de subsidiraridade, ámbalas dúas localidades se comprometen a manter lazos permanentes a fin de dialogar, intercambiar experiencias e poñer en práctica toda acción conxunta susceptible de enriquecerse mutuamente .

Outro dos obxectivos pasa por favorecer e apoiar os encontros entre a cidadanía das dúas localidades co fin de desenvolver, a través dunha mellor comprensión mutua e unha cooperación eficaz, o sentimiento da fraternidade europea ao servizo dun destino común.

Tamén se busca promover, por medio de intercambios, os valores universais da liberdade, a democracia, a igualdade e o Estado de Dereito.

Cuiña destacou o éxito do primeiro intercambio cultural e amosou o seu desexo de continuar avanzando co obxecto do desenvolvemento, benestar e prosperidade dos nosos municipios”, indicou sinalando ademais que a nivel económico se abren novas posibilidades no caso de Silleda podendo optar a distintos proxectos europeos.

Pola súa banda, Vitor Paulo Pereira agradeceu a acollida de Silleda durante a fin de semana e amosouse seguro do éxito de vindeiras iniciativas conxuntas.

Paredes de Coura súmase así ao irmandamento con Caneján (Francia) asinado o pasado mes de agosto. Os intercambios socioculturais e a concorrencia conxunta a proxectos europeos figuran entre as liñas de actuación destas iniciativas de irmandamento.

O intercambio empresarial, o desenvolvemento do sector agrogandeiro, ou o patrimonio cultural e musical son algúns dos ámbitos que centrarán o futuro irmandamento con esta localidade situada no distrito de Viana do Castelo.

 Concerto Rock

Os actos remataron no auditorio da Semana Verde onde alumnos da Escola do Rock de Paredes, localidade que acolle cada ano un dos festivais internacionais máis prestixiosos do xénero, compartiron escenario con músicos silledenses que no seu día formaron parte de grupos como Kona ke te fixo, Badanas, Segundo Izquierda, Somos Tres ou Centinela de Piedra.

Sobre o escenario sonaron coñecidos temas coma o Rock and Roll dos míticos Led Zeppelin, temas de Motorhead, Sonic Youth, o Jhnny B Good de Chuck Berry ou temas do panorama rock nacional de grupos como Siniestro Total, Fito y Fitipaldis,  Soda Stereo, La Cabra Mecánica ou La Fuga.

A Escola do Rock de Paredes, creouse hai 4 anos e nela fórmanse preto de 50 alumnos e alumnas en distintas disciplinas. Con este primeiro achegamento ábrense tamén novas posibilidades de acción conxunta no plano cultural.

 

 

 

A segunda fase de obras da Gandareira contará cunha inversión de 882.000 euros

Silleda, 25 de novembro de 2017.  A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, no marco das subvencións para investimentos en equipoamentos e dotacións singulares na mellora do reequilibrio territorial dos servizos en municipios de menos de 20.000 habitantes, unha axuda de 706.136 euros  para levar a cabo a segunda fase de obras do campo de fútbol da Gandareira, na Bandeira.

Esta subvención corresponde ao 80 por cento da inversión que se situará, nesta segunda fase nun total de 882.671,16 euros, contando coa aportación muncipal.

Esta actuación inclue a finalización das gradas do campo de fútbol, que xa se comezou a remodelar a finais deste verán, a dotación de novos vestiarios, e a urbanización do entorno, continuando a senda da rúa Lourás e mellorando o vial ata o entronque coa  rúa da Estación, entre outros.

“Esta será unha das inversión máis destacadas desta lexislatura”, indica o alcalde, Manuel Cuiña. As obras da primeira fase de remodelación integral do campo de fútbol estarán xa  listas a final de ano, cunha inversión doutros 400.000 euros.

Esta dotación é unha das máis agardadas tendo en conta que o da Bandeira é o único dos 4 campos de fútbol de Silleda que aínda tiña terreo de xogo en terra.

Esta obra, centra as inversións deste ano en Silleda no ámbito das infraestruturas deportivas xunto coa renovación da manta de herba sintética do campo de Outeiriño en Silleda, estreada o pasado mes de agosto. Os traballos na Gandareira comezaron a finales do verán co derribo dos cierres do campo.

Ademais da dotación de herba artificial, similar a do campo de Outeiriño-tamén se construirán novas gradas e aseos con esta reforma integral.

Os campos de fútbol de Silleda e da Bandeira súmanse ás obras realizadas polo Concello nos anos 2012 e 2013 nos campos de Lamela e Laro, respectivamente, coa dotación de terreos de xogo de herba natural. Nestes dous últimos continúanse a facer melloras tamén como a da colocación de colectores solares para contar con auga quente sanitaria.

“Dende o Concello de Silleda apostamos por mellorar os equipamentos deportivos con distintas obras de mellora ás que agora se suma a agardada e necesaria remodelación integral do campo da Gandareira”, engade o alcalde.

 

 

 

María do Ceo presenta este domingo na Bandeira o seu disco Cancións para nenas e nenos

Silleda, 24 de novembro de 2017.  A cantante María do Ceo actúa este domingo día 26 no municipio de Silleda, presentando o seu libro disco “Cancións para nenos e nenas”.

A cita, para o público familiar, será no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira, ás 17:30 horas, con entrada libre. Unha ducia de cancións compoñen este disco didáctico, con portada ilustrada pola silledense Luchy López Brea.

Así mesmo dende a Concellería de Benestar procederase a colocar unha urna solidaria para todas aquelas persoas que desexen facer aportacións ao programa Silleda Solidaria.

Trátase de cancións didácticas para que os nenos aprendan escoitando sobre valores como a liberdade, solidaridade, igualdade ou a diversidade.

No espectáculo, antes de cada canción María do Ceo realiza unha breve explicación do tema. Poemas de Neira Vilas, Luis González Tosar, ou Armando González figuran neste novo traballo discográfico da cantante, con temas musicados pola propia cantante, ou autores coma Suso Vaamonde ou Xosé Lueiro.

Esta actuación forma parte da programación da Concellería de Cultura de Silleda, que dirixe Ana Luisa González, e será o preámbulo das actividades de Nadal que se presentarán nos vindeiros días

 

Bases do XVIII Concurso de Escaparates Nadal en Galego 2017-2018

XVIII  CONCURSO DE ESCAPARATES

“NADAL GALEGO 2017-18"

 

BASES

OBXECTIVOS

 

Estimular nos comerciantes e empresas do municipio o movemento dos escaparates, de

maneira que se dispoñan artisticamente e con sentido publicitario e comercial os produtos

que se mostran.

Crear un ambiente máis festivo e que motive aos veciños de Silleda e visitantes a ver e mercar

nos comercios locais.

 

PARTICIPANTES E INSCRICIÓNS

 

Poderán participar tódolos comerciantes e empresarios do Concello que posúan escaparates

de exterior preparados de acordo cas condicións xerais que regulan o concurso.

Non se esixirá inscrición previa mais, unha Comisión de Admisión determinará que

establecementos entrarán a formar parte do grupo de seleccionados para o concurso final.

 

ÁMBITO

 

O ámbito será municipal. Calquera establecemento comercial, se cumpre as condicións

mínimas requiridas poderá ser considerado concursante.

 

PREMIOS

 

1º.- PREMIO CONCELLO DE SILLEDA: 200,00 € e Diploma, outorgado polo Concello

de Silleda.

 

2º.- PREMIO AO MÁIS ORIXINAL E INNOVADOR: 150,00 € e Diploma, outorgado polo HOTEL VIA ARGENTUM.

 

3º.- PREMIO AO MÁIS COMERCIAL CON EXPOSICIÓN DO PRODUTO : 100,00 €

 e Diploma, outorgado pola  ESTACIÓN DE SERVICIO SILLEDA

 

DESENVOLVEMENTO

 

1.-Para determinar quen participa, a organización anotará aqueles que a partir do 6 de

Decembro de 2017  teñan os seus escaparates elaborados conforme ós requisitos e merezan  ao seu criterio a participación.

2.-En datas posteriores, sempre dentro do tempo esixido de exposición, o Xurado sen previo

aviso realizará a súa avaliación, observando un a un cada escaparate dos previamente

seleccionados pola Comisión de Admisión.

3.-Os premios serán outorgados a aqueles concursantes que en base a 10 puntos por cada

concepto, acaden a máxima global segundo os seguintes criterios de valoración:

ORIXINALIDADE E INNOVACIÓN

ILUMINACIÓN

COMERCIAL E DE EXPOSICIÓN DO PROPIO PRODUTO .

4.-As deliberacións do xurado serán secretas e as súas decisións inapelables en todo caso,

podendo declarar desertos todos ou cada un dos premios previstos.

5.-Tendo en conta as diferenzas existentes entre os distintos comercios e os produtos que

se poden expoñer, valoraranse os medios e recursos cos que se contan así como o esforzo

feito en cada traballo.

 

ENTREGA DOS PREMIOS

 

Os premios serán entregados o día 4 de xaneiro de 2018, no Salón de Plenos do Concello previa comunicación de resultados.

 

 

 COMPOSICIÓN DO XURADO

 

O xurado estará composto por varias persoas, mínimo tres, con cualificación suficiente para saber valorar os traballos que se expoñan. Na presente edición estará integrado polo  alumnado e profesorado  do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais  do IES Pintor Colmeiro de Silleda, coa limitación de que non poderán  ter relación directa cos participantes  dos escaparates.

Estará presidido polo Alcalde do Concello de Silleda ou persoa en quen delegue.

 

 

CONDICIÓNS XERAIS

 

1.-Só entrarán en concurso escaparates de exterior.

2.-Deberán estar elaborados na semana do día 6 de Decembro do 2017, data a partir da que  a organización determinará os que entren a participar, e permanecerán en exposición ata o día 5 de Xaneiro do 2018. Durante estes días, intentarase non modificar o escaparate concursante en canto ó contido  e non poderán engadirse carteis ou reclamos que modifiquen o verdadeiro  espírito do concurso.

3.-Nos deseños ou exposicións deberán ofrecerse detalles alusivos ás festas do momento,con presenza obrigada de produtos de venda do establecemento, sendo libre a temática a empregar. Valorarase o esforzo por renovar os escaparates e o uso do galego nas mensaxes.

4.-Co ánimo de favorecer a participación masiva, só se poderá conceder un premio por comercio, aínda que prepare varios escaparates, podendo obter máis, se dita empresa tivese sucursais, suposto no que sería considerado coma un concursante distinto.

No suposto de contar un establecemento con varios escaparates, entrará a concurso un deles, o cal será claramente diferenciado do resto. Neste caso a comisión terá en conta esta circunstancia.

5.-Tamén co desexo de dar maior promoción ó comercio do concello, deberán manterse iluminados os escaparates, ata as nove da noite.

6.-A participación no Concurso supón a total aceptación das presentes bases.

 

ORGANIZA: CONCELLERÍA DE COMERCIO.Concello de Silleda.  

 

COLABORAN:

*HOTEL VIA ARGENTUM

* ESTACIÓN DE SERVICIO SILLEDA

                   * Ciclo  Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais

                     do  IES PINTOR COLMEIRO  de Silleda.

 

 

O Concello de Silleda pinta os pasos de peóns con frases para sensibilizar sobre a violencia de xénero

Silleda, 21 de novembro de 2017.  O Concello de Silleda procedeu hoxe ao pintado de mensaxes contra a violencia machista nos pasos de peóns. Estas frases, ás que acompaña o logo “Silleda, en negro” (no marco da campaña #Ennegrocontraasviolencia ) estamparánse en 8 pasos: 4 na vila de Silleda e outros tantos na da Bandeira.

Amedes a quen amedes. Silleda polos dereitos LGTBI; Son libre de decidir sobre a miña vida; Non es o meu dono. Non son o teu dono; Non son un príncipe azul; #Nin unha menos; Sempre libre e viva; Si é sí..Non é non; Non por ser muller, sí por ser persoa.  Estes son os lemas que rezan a partir de hoxe a pé de rúa “para concienciar e sensibilizar á poboación sobre esta lacra na qué é preciso que nos impliquemos todos e todas”, indica a concelleira de Igualdade, Pili Peón.

Silleda comeza ademais hoxe o programa “Xénero e vulnerabilidade”, posto en marcha co apoio da Deputación de Pontevedra coa conferencia de Rosa María Calaf  baixo o título “Violencia y misoginia: ayer y hoy. La representación de las mujeres en el discurso mediático”, que impartirá ás 17:00 horas na Casa da Xuventude a coñecida xornalista, investigadora e experta en. A corresponsal máis veterana de TVE, con 37 anos de experiencia as súas costas, foi pioneira en España no exercicio do reporteirismo.

Ademais da conferencia de Rosa María Calaf, o vindeiro venres día 24 terá lugar a concentración de condea contra a violencia de xénero na praza da Igrexa de Silleda (12:30), un acto no que dende a Concellería de Igualdade  de Silleda se entregarán tamén aos centros escolares lotes de libros que afrontan a problemática da desigualdade por razón de xénero e a violencia machista.

En negro contra as violencias

Por outra banda o Concello de Silleda segue a participar na campaña En negro contra as violencias, á que se sumaron xa 80 establecementos e entidades do municipio para sensibilizar –a través da cor negra- sobre a problemática da violencia de xénero na nosa sociedade.

 

 

 

A música rock, protagonista do primeiro intercambio cultural entre Silleda e Paredes de Coura

Silleda, 18 de novembro de 2017. Silleda acollerá  a vindeira fin de semana un intercambio cultural coa localidade lusa de Paredes de Coura, que terá como protagonista á música rock.

Así, un grupo de preto de 30 persoas, con alumnos  e mestres da  Escola de Rock de Paredes, estarán nas xornadas do sábado 25 e domingo 26 en Silleda para realizar o intercambio cun grupo de músicos silledenses que levan semanas ensaiando de cara a realizar un concerto o vindeiro Nadal.

“Este será un primeiro achegamento, coa cultura como eixo temático, entre Silleda e Paredes de Coura, municipio co que nos irmandaremos en vindeiras datas”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.

Ademais da sesión, o programa do intercambio incluirá un concerto de rock con músicos das dúas localidades o domingo 26 ao mediodía. A chegada do grupo está prevista para o sábado a mañá, e antes de iniciar as sesións musicais o grupo visitará lugares emblemáticos como Carboeiro e a Fervenza do Toxa.

O domingo incoporaránse á expedición o alcalde de Paredes de Coura,

 

 Vítor Paulo Gomes e outros membros do goberno municipal, coma o concelleito Thiago Manuel Pereira. Estarán tamén presentes nas actividades representantes do Comité de Irmandamento de Silleda, que se creou en semanas pasadas e que tamén se estreará con estas actividades.

A relación con Paredes de Coura iniciouse o pasado ano, ca visita cursada polo rexedor silledense ao municipio situado no distrito de Viana do Castelo

O intercambio empresarial, o desenvolvemento do sector agrogandeiro, ou o patrimonio cultural e musical son algúns dos ámbitos que centrarán o futuro irmandamento.

Situado no distrito de Viana do Castelo, Paredes de Coura conta con preto de 9.000 habitantes, igual que Silleda, e un grande peso do sector primario na súa economía, -de marcado carácter rural- feito do que da conta a existencia da Escola Agraria, pertencente ao Instituto Politécnico de Valença. O ruta a Compostela (por alí discorre o Camiño Portugués), a presenza de edificios románicos ou as zonas de paisaxe protexida son outros dos nexos en común entre as dúas localidades, ao igual que a formación e tradición musical

Este municipio é  tamén coñecido por albergar o coñecido festival de música alternativa dende 2008.

“Cremos que temos moitas cousas en común que podemos aproveitar para un proxecto fructífero”, engade Manuel Cuiña.

Ex membros de grupos silledenses

Hai varias semanas un grupo de 16 veciños de Silleda que estiveran bandas de pop, rock e hardcore (Kona ke te fixo, Badanas, Segundo Izquierda, Somos Tres ou Centinela de Piedra) comenzaron a ensaiar na antiga Escola de Música de cara a preparar un festival a celebrar o vindeiro Nadal, e con visos a continuar no calendario.

O grupo está aberto tamén a todas aquelas persoas que queiran participar no recital que se presentará en vindeiras datas.

Dende o colectivo sinalan que este intercambio musical coa Escola de Rock de Paredes será “moi productivo e beneficioso” para compartir experiencias e coñecementos.

 Ir á páxina seguinte Ir á última páxina