O prazo para solicitar as subvencións culturais e deportivas de 2018 remata o vindeiro 13 de marzo

Silleda, 13 de febreiro de 2018.  O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra ven de publicar as bases reguladoras das subvencións municipais de Silleda a entidades culturais, deportivas  e veciñais, ara o presente exercicio.

As bases foron aprobadas no pleno do pasado 25 de xaneiro, introducindo como modificación xeral respecto ás do ano anterior as datas de xustificación. Así, estas axudas municipais deberán de xustificarse como data límite o 10 de novembro. “Esta vez levamos as bases ao primeiro pleno do ano a fin de axilizar a aprobación das axudas municipais e facilitar que as asociación e entidades poidan cobrar as subvencións dentro do exercicio en curso”, indica a concelleira de Cultura e Deportes, Ana Luisa González.

En total repartirase entre as tres liñas de subvención 98.000 euros, unha cantidade similar ao do pasado ano e que supuxo un incremento de máis dun 30% respecto á anualidade de 2016.

No tocante ás axudas a actividades culturais, a cantidade que se repartirá é de 58.000 euros.

En canto ás deportivas as bases inclúen como novidade a categoría de Escolas Deportivas. Así, e segundo recollen as bases a partida total será de 35.000 euros, dos que 10.000€  se distribuirán entre as Escolas Deportivas. Terán consideración de escola deportiva aquelas cun mínimo de 25 nenos/as.

O prazo para presentar as solicitudes será de  30 días naturais contados a partir de mañá martes, co que as asociacións, entidades e clubes terán como data límite para facer as solicitudes o vindeiro martes 13 de marzo. No caso das axudas de participación social e/ou veciñal, liña que se incorporou en 2017, o prazo rematará o 14 de marzo.

Dende o Concello de Silleda, ao igual que se vén facendo nos últimos anos, difundiranse as tres convocatorias entre o amplo tecido asociativo co que conta o municipio silledense.

Para consultar as bases e descargar os formularios preme no titular desta nova.