Silleda, referente en eficiencia enerxética ca posta en marcha da pioneira Rede de Calor con Biomasa

Silleda, 26 de outubro de 2018.  A gran aposta do Concello de Silleda pola eficiencia enerxética é xa unha realidade. Hoxe inaugouse a Rede de Calor con Biomasa, a primeira en Galicia de promoción público privada que na súa primeira fase está xa abastecer a varios edificios municipais (pavillón deportivo, piscinas, campo de Outeiriño e Escola Infantil), ao Hotel Via Argentum e co que se conectará tamén a Residencia e Centro de Día de Maiores que está a piques de rematarse.

O alcalde, Manuel Cuiña, e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presidiron hoxe a estrea de proxecto de futuro, cunha inversión total de algo máis de 1 millón de euros. Así, aos 816.587,67 euros da instalación, financiada nun 80% polo INEGA e o 20% restante polas arcas municipais, a través do Plan Concellos da Deputación, súmase a compra da parcela na que se instalou a central de producción, con 138.336,75 euros aportados polo organismo provincial a través do mesmo programa.

 

A rede, de biomasa con astilla, subministrará calefacción e/ou auga quente sanitaria aos edificios antes citado, e prevese que nunha segunda fase incorpore novos edificios municipais, como o actual consistorio e a casa da Cultura, así como as comunidades de propietarios que desexen conectarse.

Manuel Cuiña indicou que a obra supón o primeiro paso dunha instalación que non só redundará nun maior aforro económico para as arcas municipais senon que suporá un maior reducción de emisións contaminantes.

Así mesmo recalcou que a rede permitirá contar nun futuro con instalacións como unha piscina climatizada, que se prevé construir na parcela da central, “algo que sería impensable para un municipio como Silleda polo custe enerxético se non contaramos con esta central de calor”, engadiu.

Cuiña, que agradeceu a colaboración tanto da Consellería de Industria-a través do INEGA-como da Deputación de Pontevedra, advertiu que esta actuación será máis ambiciosa e que ademais de extender a rede nunha segunda fase tamén se prevé contar cunha planta para o secado e astillado de madeira para abastecer a instalación e facela autosuficiente.

Extensión da rede e aproveitamento dos montes locais

“Somos mais ambiciosos e queremos pechar o ciclo. Para que esta esta gran inversión teña unha segunda parte, contando cos montes de Silleda e a comarca do Deza, cunha gran superficie forestal”, indicou Cuiña advertindo que esto redundaría nunha valorización dos montes  “facendo tamén que estén máis coidados e axudando a evitar ao mesmo tempo desgracias como a que vivimos hai agora un ano cos incendios que arrasaron 600 hectáreas de monte en Silleda”, engadiu solicitando a colabroación da Administración autonómica para esta nova fase.  

“Revalorizariamos os montes, teríamos unha rede autosuficiente e se cabe enerxía máis barata con valor engadido para os nosos montes, co que significa telos máis coidados e limpos, e axudando máis ao medio ambiente”, rematou.

Pola súa banda o conselleiro parabenizou a iniciativa do Concello de Silleda e do alcalde, como principal promotor desta actuación pioneira, a terceira Rede de Calor co sistema “District Heating”  en funcionamento  en Galicia.

Enerxía autóctona

Conde sinalou que a iniciativa forma parte da estratexia que a Xunta iniciou en 2014 para impulsar a biomasa “como enerxia autóctona,  eficiente e que sobre todo xera  un impacto positivo no medio ambiente”.

Tamén agradeceu ao alcalde a súa colaboración institucional, “clave nestes momentos para executar proxectos diferenciadores” e sinalou que a rede de Silleda ademais de supoñer un aforro e a prestación dun servizo á cidadanía implicará tamén o “desenvolvemento dunha enerxia autóctona vinculada co territorio e que polo tanto vai a permitir establecer un circulo de xeración de valor na comarca co uso de biomasa como fonte enerxética”.

O conselleiro tamén destacou a visión de futuro do Concello de Silleda con este “proxecto exemplarizante dende o punto de vista da Administración Pública”, ademais de destacar o potencial de Galicia no sector forestal, co abastecemento do 50% da madeira que se corta no territorio nacional, e lembrar que a Xunta está tamén a construir unha planta de procesado de astilla en Curtis.

As obras da rede silledense iniciáronse a finais do pasado mes de xullo. A instalación terá unha potencia de 1 megawatio e na primeira fase colocáronse case 2 kilómetros de tubería preasilada.

 Con esta iniciativa deixaran de expulsarse ao medio nesta primeira fase 342 toneladas de CO2 ao ano, e 380 toneladas na segunda fase. O aforro económico estimado é de 81.000 euros ao ano respecto ao consumo actual, e de 93.000 euros cando esté lista a segunda fase.