A apertura do albergue da Bandeira retrasase ao pedir unha prórroga a empresa construtora

 

Silleda, 1 de marzo de 2013. As obras do albergue de peregrinos da Bandeira, que estaba previsto rematar a finais deste mes (para a Semana Santa), sufrirán un retraso sobre as previsións iniciais. A empresa adxudicataria dos traballos, Aopil, solicitou en días pasados unha prórroga de un mes e medio para rematar as obras, debido ás malas condicións climatolóxicas, con choiva nas últimas semanas.

As obras comezaron o pasado 14 de xaneiro, coa limpeza da finca situada e a instalación de servizos básicos (auga, saneamento…) por parte do Concello. A dotación, con 13 módulos prefabricados, adxudicouse por importe  de 216.016 euros. A parcela da propiedade dunha  familia da Bandeira, á que dende o Concello se lle agradece a cesión realizada mediante convenio, terá o acceso principal dende a rúa Lourás.

 O edificio construirase coa colocación dun total de 13 módulos prefabricados de alta calidade, con climatización, un patio interior cuberto, e instalacións de enerxías renovables, en pranta baixa. A capacidade, como xa se anunciou no seu día, é de 36 prazas. O espazo distribuese en dormitorios, dormitorios para persoas con discapacidade, aseos, duchas e cociña-comedor. Así mesmo, as zonas disponibles entre os módulos servirán como áreas de descanso e zona de lavado e secado.

O exterior do edificio quedará revestido con paneis de resinas termoendurecibles (tipo “trespa”), mentras que os espazos xenerados entre os módulos realizaranse a base de pranchas de polietileno reticulado. O convenio entre o Concello de Silleda e o Xacobeo establece que a cesión do terreo se realizará por un prazo de 15 anos, coa posibilidade de revisar o acordo no primeiro lustro.