A Concellería de Cultura fai un chamamento á cidadanía para conseguir material gráfico da Romaría do Rapaz

 

Silleda, 3 de maio de 2013. A Concellería de Cultura fai un chamamento a toda a cidadanía para solicitar a súa colaboración á hora de facer unha retrospectiva sobre a Romaría do Rapaz, unha das iniciativas máis concorridas e consolidadas de Silleda.

Así, solicítase colaboración para conseguir material gráfico (fotos, vídeos…) sobre a Romaría, para formar parte da reportaxe audiovisual que se elaborará este ano con motivo do 25 aniversario deste certame, que volta o vindeiro día 30 de xuño.

As persoas, empresas ou entidades que dispoñan pois deste material poden poñerse en contacto co departamento de Cultura chamando ao Concello (986 58 0000) ou ben a través do correo electrónico cultura@silleda.es. “Agradeceriamos que a xente que teña fotos ou material audiovisual nos cedera esas imaxes para facer un percorrido histórico no traballo que se editará con motivo das vodas de prata desta celebración”, engade a concelleira de Cultura Margarita Campos.

Dende a concellería xa se está a traballar na preparación da Romaría, que cada ano enche o recinto do santuario da Saleta, e que este ano celebrará unha edición moi especial.