A Concellería de Cultura programa dúas representacións para celebrar o Día Internacional do Teatro

Silleda, 12 de marzo de 2014. A Concellería de Cultura de Silleda, que dirixe Margarita Campos, organiza dúas representacións para celebrar no municipio o Día Internacional do Teatro, que se vén conmemorando cada 27 de marzo.

 A primeira das citas será o domingo 23 no auditorio Manuel Dopazo coa representación da obra “A Feira da Bandeira”, a cargo do grupos Medias Verdes, ás 18.30 horas e con entrada libre. A peza teatral está baseada nunha obra orixinal de Ramón Parada, que se estrenou en Bos Aires en 1940.

Esta obra teatral representada por veciños e veciñas da Bandeira e arredores, estrenouse na localidade con grande éxito o pasado mes de xaneiro. Precisamente esta representanción foi o xerme do recén creado grupo teatral Medias Verdes.

A segunda das representacións organizadas pola Concellería será na Casa da Cultura de Silleda, o venres 28, co grupo Os Quinquilláns, que porán en escea a obra “O capricho do teatro”, unha montaxe teatral arredor da obra do dramaturgo compostelán Roberto Vidal Bolaño. Este espectáculo,  ademais de descubrir e repasar momentos e personaxes relevantes na obra do autor tamén se convirte nunha reflexión, en clave de comedia,  sobre o mundo da escea actual, a necesidade de reciclaxe e reinvención do xénero, achegándose a un teatro máis popular e cercano á xente.

A cita será ás 21.00 horas, tamén con entrada libre.

“Con estas dúas propostas, que están dirixidas a todos os públicos, queremos seguir achegando á xente de Silleda o xénero teatral, aproveitando a celebración do Día Internacional do Teatro”, sinala Margarita Campos, que felicita ademais aos integrantes do novo grupo teatral xurdido na Bandeira. “É unha moi boa nova que no noso municipio siga apostándose pola cultura coa creación de novos colectivos”, engade.