A Concellería de Educación programa un campamento de aventura en inglés na Ribeira Sacra

Silleda, 3 de maio de 2014. Logo do éxito do English Surf Camp celebrado o pasado ano en Caldebarcos (Carnota), a Concellería de Educación de Silleda, que dirixe Pili Peón, programa un novo campamento de inglés para o vindeiro verán.

Ao igual que o ano pasado está dirixido a nenos/as e mozos/as de entre 8 e 17 anos, co inglés como fío conductor. A aventura en plena natureza toma o relevo á praia e as actividades de surf, e nesta ocasión o escenario será a localidade lucense de Quiroga, na Ribeira Sacra. Deporte, lecer, inglés e natureza misturanse nesta nova proposta con quendas reducidas.

Os interesados en anotarse deben inscribirse na Casa da Cultura, entre o 19 de maio e o 20 de xuño. As actividades para o grupo de Silleda terían lugar entre o 27 de xullo e o 3 de agosto. O prezo é de 255 euros por praza, incluíndo aloxamento en réxime de pensión completa no albergue de Quiroga, actividades e materiais, desprazamento en autobús ata a localidade lucense (ida e volta), e viaxe en catamarán e excursión pola Ribeira Sacra.

Modalidades deportivas coma o kaiak, paddelboard, BTT, Xeocaching, rápel, ou sendeirismo conxugaranse con actividades de tempo libre (piscina, praia fluvial, excursións, aqua jump…) e outras específicas apara a aprendizaxe do inglés sempre a partir dunha dinámica lúdica (lip-dub, xogos, coloquios en inglés con convidados…), e desterrando a idea de que aprender outro idioma é aburrido.

“Os participantes no campamento de surf do ano pasado quedaron moi contentos coa experiencia polo que este ano, dende a Concellería de Educación, apostamos por volver a ofertar estas actividades, moi interesantes á hora de familiarizar aos mozos e mozas co inglés dende unha perspectiva novidosa, ao tempo que disfrutan da natureza e múltiples actividades lúdicas e deportivas”, engade a concelleira.