A Concellería de Industria e Comercio de Silleda media para achegar a patronal dezana ás entidades silledenses

Silleda, 12 de xuño de 2014. O concelleiro de Comercio e Industria de Silleda, Luis Rodríguez, convocou ás dúas asociacións do sector no municipio (Ecos e a Asociación de Empresarios do Polígono Área 33) a un encontro coa nova directiva da Asociación de Empresarios de Deza (AED), que se celebrou o pasado mércores na casa consistorial.

Deste xeito dábase cumprimento a un dos acordos  da reunión que mantivo en días pasados o alcalde, Manuel Cuíña, coa nova directiva, presidida por Antonio Lamas.

Este último presentou xunto co resto da directiva e coa xerente da patronal á presidenta de Ecos, Fátima Costoya, e ao representante dos empresarios do polígono, Juan Carballo,  o seu proxecto de traballo coa formación de mesas sectoriais, nos ámbitos da Industria, Comercio, Hostelería e Turismo e Agroindustria.

No encontro tamén avanzou que nos vindeiros meses a AED asinará convenios de formación para cada un dos sectores así como con empresas de sectores coma o enerxético ou a banca. Cursos para o sector transporte, sobre fitosanitarios e benestar animal, ou sobre o aproveitamento das redes sociais para o sector comercio.

A AED tamén dispón de servizo de asesoramento xurídico para os socios, asesoramento da creación de empresas ou convenios con centros educativos para a realización de prácticas.

O concelleiro de Comercio e Industria, Luis Rodríguez, explica que a reunión foi “moi positiva para achegar as vantaxes da asociación aos comercios e empresas de Silleda, que poderían beneficiarse destas vantaxes”.

Ademais, tal e como xa se anunciara, dende o Concello facilitarase un local á AED para que un técnico da entidade se desprace periódicamente a Silleda a atender aos socios silledenses. Acordouse que dende o Concello se coordinarán as demandas para establecer cando se realizarán estas visitas.