A concellería de Mocidade programa un curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre

Silleda, 8 de outubro de 2019.  O Concello de Silleda a través da Concellería de Mocidade, que dirixe Ángela Troitiño , organiza un curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre que está previsto iniciar a finais deste mes.

O curso ten un custe de 240 euros e o prazo de inscrición abrirase pasado mañá venres día 11. O ciclo consta dun total de 200 horas teórico-prácticas e de 150 horas de prácticas nunha entidade.

Para matricularse é necesario ser maior de idade e estar en posesión, como mínimo, do graduado escolar ou equivalente. As persoas que desexen participar deben inscribirse no Rexistro Municipal do Concello a partir deste venres.

Este ciclo, homologado pola Xunta de Galicia, será impartido pola Escola de Tempo Libre Alomiña e para a súa celebración precisase un número mínimo de 15 alumnos/as.

Dende a Concellería de Mocidade, Angela Troitiño, advirte que se trata dun ciclo moi interesante, sobre todo para as persoas que teñan titulacións relacionadas coa planificación e o desenvolvemento de actividades de ocio, e resalta que ademais os participantes terán  as prácticas aseguradas.

Entre os obxectivos do curso figuran capacitar ao alumnado para detectar as necesidades de intervención no tempo libre dun grupo reducido de persoas, conectándoo co seu medio; animar, dinamizar e facilitar o desenvolvemento dun grupo de persoas; deseñar, dirixir e executar un obradoiro; localizar recursos para desenvolver actividades; ou participar dun proxecto de animación xeral, responsabilizándose das tarefas específicas que lle son encomendadas.

A maiores do temario establecido para os cursos de primeiro nivel e o fixado pola Xunta, o plan formativo deste ciclo inclúe unha serie de módulos específicos que repercutirán na calidade da formación e se adaptan á sociedade actual.

Así incluénse un módulo sobre igualdade de xénero, un de educación na diversidade funcional; a intelixencia emocional e tamén outro sobre a Educación para o Desenvolvemento Sostible (EDS), con conceptos de educación ambiental.

As sesións celebraránse na Casa da Xuventude os fines de semana e días festivos, en horario de 09:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. A data prevista de inicio sería o vindeiro sábado 26, remantando o 15 de decembro.