A Concellería de Turismo e Comercio convoca ao sector da hostalería

Silleda, 28 de agosto de 2015. A Concellería de Turismo, que dirixe Ana Luisa González Costa, vén de convocar para o vindeiro mércores día 2 de setembro unha xuntanza co sector da hostalería de Silleda. A cita será ás 18.00 horas na Casa da Cultura.

Neste encontro procederase ao reparto entre os establecementos de restauración e aloxamento dos 30.000 manteles do programa  Sírvase en galego”, unha iniciativa que ten por obxectivo promocionar e revitalizar o galego en círculos turísticos de xeito lúdico e ameno, ao tempo que se pon en valor o noso idoma.

Tal e como xa se avanzara en días pasados, este encontro servirá tamén para abordar outras cuestións. “Nesta primeira reunión como responsable do departamento de Turismo cos membros do sector da hostalería silledense, ademais de facer entrega dos manteis, tamén temos previsto tratar temas que cremos de interese para os seus representantes”, explica Ana Luisa González.

Así, unha das cuestións que se plantexarán dende o departamento municipal é a posibilidade de crear un colectivo que aglutine e represente a todo o sector da hostalería do municipio de Silleda.

“Entendemos que a creación de unha asociación de hostalería é unha iniciativa de interese para poñer en marcha accións conxuntas a distintos niveis e dinamizar o sector”, explica a concelleira.

Reparto de material informativo

Por outra banda, nesta reunión –a primeira da responsable municipal de Turismo co sector- tamén está previsto proceder a distribuir entre os locais folletos turísticos informativos sobre o Concello de Silleda.

Neste senso Ana Luisa González explica que dende o Concello se procedeu a editar 5.000 folletos máis con información, datos, rutas, mapas e outros recursos do municipio de Silleda. Nesta nova edición incorporouse tamén a praia fluvial de Cira, como enclave turístico.

“Os responsables dos locais de hostalería e do turismo rural son a maioría das veces os mellores guías para os nosos turistas e visitantes. Por iso cremos imprescindible que dispoñan tamén de material divulgativo para repartir entre os seus clientes”, engade.