A cor laranxa, protagonista do 25-N en Silleda, que se declara municipio libre de violencia de xénero

Silleda, 25 de novembro de 2015. A concentración en sinal de repulsa contra a violencia machista e en recordo das vítimas tinguiuse hoxe en Silleda de laranxa, a cor da esperanza, seguindo a campaña das Nacións Unidas que continuará ata o 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos.

A concelleira de Igualdade e Benestar Social, Pilar Peón, foi a encargada de ler o manifesto do 25-N nun acto ao que acudiron numerosas persoas, entre eles alumnos/as e representantes de todos os centros educativos.

“A educación é outra das nosas preocupacións. Se non rompemos os ciclos, a violencia de xénero pasará de xeración en xeración polo que é imprencisdible  previr, protexer e reparar o dano a menores vítimas de violencia de xénero e especialmente, a incorporación ao currículum en todas as etapas educativas a formación específica en Igualdade, educación afectivo- sexual e de prevención da violencia de xénero”, reza unha das partes do manifesto que leu a concelleira.

Tamén asistiron representantes das forzas da orde, membros dos grupos da corporación, e numerosos veciños e veciñas.

A muller labrega, de laranxa

A campaña Pinta o mundo de laranxa está a desenvolverse dende o CIM sobre todo nas redes sociais, coa chegada de fotografías e imaxes. Dende o Concello de Silleda tamén se realizan xestos como o de tinguir de laranxa o monumento á muller labrega, situado á entrada da vila, na N-525 en horario nocturno.

A esta campaña estanse a sumar numerosos establecementos comerciais e particulares.