A Deputación de Pontevedra outorga ao Concello de Silleda unha nova subvención para a posta en valor de xacementos arqueolóxicos e elementos etnográficos na zona de Laro

Silleda, 29 de maio de 2019.  O Concello de Silleda, a través do departamento de Cultura e Turismo, que dirixe Ana Luisa González, continúa poñendo en valor os elementos arqueolóxicos e etnográficos da zona sur do municipio.

Despois da posta en valor do roteiro arqueolóxico da zona de Laro, Oleiros e Siador, agora acometerase un proxecto complementario para sinalizar elementos arqueolóxicos e etnográficos na parroquia de Laro,  a través da liña de subvencións para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural da Deputación de Pontevedra.

Esta axuda, por importe de 6.316 euros servirá para poñer en valor elementos dende o Carballiño ata a zona da Ulla,  o Castro de Laro, as mámoas da Carballosa, o petróglifo de Pena das Cazolas, ou a Romaría da Tortilla no apartado de patrimonio inmaterial.

“Esta iniciativa xurdiu a proposta da Asociación de Veciños de Laro para continuar complementando as actuacións levadas a cabo nos últimos anos, tanto na posta en valor do roteiro arqueolóxico desta zona como a renovación da ruta da Auga de Parada, que se acometeu o pasado verán”, engade a concelleira.

Con esta actuación preténdese potenciar a colaboración coas asociacións do rural, potenciando unha ferramenta útil para os veciños que desexen afondar nos principais recursos culturais materiais e inmateriais do territorio, así como coñecer, protexer e difundir o noso patrimonio arqueolóxico por medio dun roteiro existente e que se enriquece con nova sinalización física.

Deste xeito preténdese movilizar un turismo local e tamén foráneo, respectuoso co patrimonio natural e cultural que contribúa a dinamización turística e económica do Concello de Silleda.

O Concello quere continuar apostando pola difusión e posta en valor deste patrimonio cultural, “para o que temos a inestimable sorte de contar con profesionais como o arqueólogo  Israel Picón, natural desta zona e gran coñecedor tando dos xacementos existentes coma outros elementos de interese”.

Ademais da xeolocalización de elementos, tamén se propón como elemento de patrimonio inmaterial instalar un panel sobre a Romaría da Tortilla de Laro, declarada de Interese Turístico, nas inmediacións da carballeira de Castro, onde se celebra cada primeiro venres de agosto.

“Con esta actuación tratamos de pechar esta iniciativa que afecta á zona sur do noso concello para a difusión e maior coñecemento tanto dos visitantes como dos propios veciños e veciñas de Silleda”, engade Ana Luisa González.