A disposición dos usuarios un teléfono gratuito ante posibles problemas coa TDT pola extensión da cobertura 4G no municipio

Silleda, 14 de xaneiro de 2016. O Concello de Silleda informa á cidadanía que en breve estará dispoñible no termo municipal a rede de cobertura con tecnoloxía 4G. Dende o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo infórmase que os operadores de telefonía móvil comezarán a desplegar esta rede nas frecuencias antes utilizadas para a Televisión Dixital Terrestre (TDT). Este feito supón a posibilidade de que nalgúns casos o sinal de televisión poida verse afectado en vivendas ou edificios próximos ás estacións de telefonía móvil.

A medida que os operadores vaian desplegando os servizos 4G na banda de frecuencias, irase actuando nos edificios potencialmente afectados para garantir unha correcta recepción do sinal de TDT.

Os cidadáns que residan en zonas de maior afectación recibirán unha carta no seu domicilio onde se lles informará que a partires dese momento poden solicitar a adaptación da antena do edificio para evitar afeccións. As actuacións técnicas non terán custes para os usuarios.

Ante calquera dúbida ou problema que poida xurdir, o Ministerio pon a disposición dos usuarios un número de teléfono gratuito (900 833 999) e a páxina web www.llega800.es , onde se ofrece información sobre o proceso.

A chegada da tecnoloxía 4G, aparte dos posibles problemas que poidan xurdir, supón unha melllora na velocidade de internet en mobilidade, así como unha mellor cobertura telefónica no interior de inmobles. Así mesmo, alcanzarase unha maior cobertura xeográfica, polo que o servizo mellorará en poboacións rurais, como é o caso do municipio de Silleda.