A Escola de Música de Silleda inicia o curso coa danza moderna e a requinta como novidades

Silleda, 13 de setembro de 2016.  A Escola de Música de Silleda mantén aberto o prazo de matrícula para o novo curso 2016-2017 durante todo o mes de setembro. O centro presentou hoxe a oferta de actividades que darán comezo o vindeiro  luns día 26.

O director da Escola, Rafa Agulló, explicou que comezan o novo curso con “ilusión e enerxía” para seguir medrando e perfilando o proxecto educativo polo que veñen apostando dende hai tempo.

O centro volve impartir as mesmas especialidades en instrumentos que o pasado ano en vento madeira-vento metal( oboe, flauta traveseira, fagot, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, trombón, bombardino, tuba, ); en percusión; en corda (violoncello e contrabaixo); coro;  e as asignaturas común (Música e movemento; Armonía e análise; Linguaxe musical; Música de cámara;  e tamén continúan as de Banda Infantil e Banda Xuvenil.

A Aula de Música Tradicional incorpora este ano a Requinta, ás especialidades que xa se viñan impartindo (gaita, acordeón e percusión tradicional).

Tamén se continúan ofertando clases de Piano e de Guitarra.

A gran novidade deste ano é a introducción da danza moderna, da man do colectivo Máisquedanza, que xa imparte esta modalidade en Lalín, A Bandeira, Rodeiro, Prado e outras localidades.

Marta Maceira e Yolanda Ogando, que se encargarán de impartir as clases en Silleda, explicaron que o prazo de inscrición sigue aberto para os 4 grupos : de 10 a 14 anos (luns de 18:00 a 19:30 horas); de 4 a 6 anos (xoves de 17:00 a 18:30 horas); de 7 a 9 anos (xoves de 18:30 a 19:30 horas) e maiores de 15 anos (sábados de 12:00 a 13:15).

As sesións impartiranse na sede da Escola de Música nunha sala que se está a acondicionar. Marta Maceira explicou que se misturarán distintos estilos, dende o baile clásico as danzas urbanas. “A danza axuda a mellorar aspectos coma a coordinación e mesmo prevén enfermedades coma a demencia. É un bo complemento á formación musical”, sinalou.

As clases de danza iniciaránse o 3 de outubro. Tamén se intentará facer un festival a final de curso.

Recitais didácticos e outras actividades

Por outra banda, a Escola de Música iniciará xa esta semana, en concreto o venres 16 os concertos didácticos para dar a coñecer aos nenos e nenas a actividade. Este ano os recitais (con temática sorpresa) serán na propia sede da Escola de Música. O primeiro deles será este venres para o alumnado de 1º e 2º de Primaria do CEIP de Silleda e o Colexio María Inmaculada e continuarán a vindeira semana para os de Infantil e 3º Ciclo de Primaria. Tamén este venres terá luga a reunión cos pais/nais previa ao inicio do curso. Tamén continuarán ao longo do curso as audicións de Nadal, o Festival de Bandas Xuvenís, Cursos de Perfeccionamento Instrumental… Ademais prevese recuperar o campamento musical de Semana Santa.

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, que participou esta mañá na presentación, sinalou que é o primeiro curso que se inicia nas novas instalacións (o traslado da escola realizouse en xaneiro deste ano). “Vemos que este traslado deu o seu resultado, podendo aumentar o número de actividades”, dixo amosando a súa satisfacción pola nova oferta e adiantando que “o novo curso chegará cheo de éxitos”.

Cuiña tamén quixo resaltar a gran colaboración dos membros da banda no acondicionamento do edificio, no que o Concello está a instalar a nova caldeira da calefacción.