A escultura donada por Carlos Alberto Castro Robles comezará a colocarse nos vindeiros días na rotonda da Semana Verde

Silleda, 23 de decembro de 2015. O Concello de Silleda procederá nos vindeiros días á montaxe da escultura cedida polo artista Carlos Alberto Castro Robles na rotonda situada xunto á Semana Verde, no acceso á ganadería e preto do enlace da autoestrada AP-53. Un equipo de operarios municipais xa preparou a zona na que se colocará a peza, que leva por título Homenaxe a París, realizada en aceiro cortén esmaltado, e con tres metros de alto.

A escultura colocarase sobre un pedestal que se instalará nos vindeiros días. Dadas as características da obra e as súas dimensións dende o Concello, de acordo co autor, optouse por colocala neste emprazamento, un dos lugares de entrada á vila de Silleda. O escultor e gravador Carlos Alberto Castro Robles (Bos Aires, 1957) cedeu o pasado ano esta obra ao Concello de Silleda, onde ten as súas raíces e onde se afincou dende entón. A peza conta con réplicas en museos e parques de Luxemburgo, Extrasburgo ou cidades como Dallas (Texas).

O Concello de Silleda fíxose cargo do traslado da escultura dende Girona, cidade na que o artista levaba residindo dende o ano 1988, logo de ter residido tamén na capital francesa, onde comezou a xestar a obra cedida. 

O alcalde, Manuel Cuiña, agradece en nome de todos os veciños e veciñas o xesto de Castro Robles, que hai uns meses se afincou xunto a familiares no municipio de Silleda, terra natal do seu avó (era do lugar de Riobó, en Negreiros), ademais de destacar o prestixio e traxectoria do autor. Ademais desta peza, no traslado tamén se incluiu todo o taller do artista e outras dúas obras da súa propiedade.

 Castro Robles foi un dos introductores do chamado Movemento Madí en España. Esta corrente artística iniciuose en Arxentina no ano 1946 da man de artistas plásticos e trasladouse a todas as ramas da arte, baseándose na extremación dos conceptos de creación e invención.

Castro Robles está considerado, a nivel internacional como un dos artistas de gravado de maior prestixio e técnica, proxectando tamén a súa obra cara á escultura. As súas creacións están presentes no Museo Nacional Reina Sofía, no Madi Museum and Gallery de Dallas, Galería John Szoke-grapchic, de Nova York, Grandes Casinos de España, en Madrid; no Cente Cultural de Woluwe-Saint Pierre (Bruxelas), Galería de Arte de Rivadavia (Bos Aires) e en moitas obras localidades. Ademais ten participado en exposicións e mostras de moitos países de Europa, América e Asia.