A exposición sobre o traballo de toponimia do IES Pintor Colmeiro abrirase ao público na Casa da Cultura de Silleda a principios de decembro

Silleda, 25 de novembro de 2016.  A principios do vindeiro mes de decembro abrirase ao público a mostra sobre o traballo da toponimia de Silleda realizada polo alumnado do IES Pintor Colmeiro de Silleda. O traballo fora presentado o pasado ano no Museo do Pobo Galego, logo de recibir o recoñecemento no marco do IX Proxecto Didáctico Antón Fraguas, da fundación que leva o nome deste historiador, escritor e antropólogo.

O traballo dirixido polo profesor Xoán Carlos García Porral e coordinado tamén polo equipo de Dinamización Lingüística As Ferreiras do IES Pintor Colmeiro contou tamén coa edición do libro A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda. Nesta publicación, na que colaborou o Concello de Silleda, recóllense ao longo de case 300 páxinas as lendas e toponimias do municipio silledense.

Estos libros, que foron distribuidos dende o Concello a todos os centros educativos, bibliotecas, asociacións e se repartiron tamén no Culturgal de 2015 (este ano formarán parte da mostra de publicacións de Silleda nesta feira das Industrias Culturais en Pontevedra), entre outros, continúan a disposición do público na Casa da Cultura de Silleda.

Alí acompañarán a exposición formada por 10 paneis, rollers, mapas e a proxección de traballos audiovisuais sobre o desenvolvemento do traballo realizado polo alumnado do centro silledense.

A concelleira de Educación, Pili Peón, fai un chamamento á veciñanza para coñecer “de primeira man o inxente e valiosísimo traballo realizado polos alumnos e alumnas do IES Pintor Colmeiro sobre a nosa toponimia e lendas, aspectos que forman parte tamén da nosa historia”, engade.