A Festa dos Callos de Ansemil-Martixe celebra a súa quinta edición o vindeiro sábado día 1 de abril

Silleda, 17 de marzo de 2017.  O sabor dos callos e a música tradicional volverán encher o vindeiro sábado día 1 a parroquia silledense de Ansemil Martixe. A Festa dos Callos e a Foliada da Pereiriña celebran o seu quinto aniversario consolidadas xa no calendario festivo do municipio de Silleda. Os membros da  Asociación Veciñal e Cultural de Ansemil-Martixe e da Asociación  Cultural e Musical Gaiteiros da Pereiriña presentaron hoxe no Centro Social da localidade a quinta edición desta cita nun acto ao que asistiu tamén o alcalde, Manuel Cuiña, e os concelleiros Ana Luisa González, Klaus Brey, Manuel Pérez e Benito Saavedra.

Para a celebración da cita haberá carpa pechada e aparcadoiro gratuito. O menú estará composto por empanada, callos, pan, viño, postre e café. O prezo é de 12 euros (para nenos/as de entre 6 e 12 anos custa 5 euros, e os menores de 5 non pagan). As entradas para asistir poden mercarse en Martixe (Taberna de Isabel); Breixa (A Nosa Tabera); O Castro (Bar Sanse); Saídres (Taberna de Concha); en Silleda (no Bodegón de Esther e na Casa da Cultura) e tamén na Bandeira (Bar Arume e A Taberna do Músico). Tamén haberá pulpeiro con carpa independente. As persoas interesadas en facer reservas ou recibir máis información poden chamar aos números de teléfono 626 913655- 615 958969

 

A cita comezará con música ás 13:00 horas e continuará ata a noitiña. Na Foliada actuarán un total de nove grupos de música tradicional. Así, nesta quinta edición estarán as pandereteiras Lilaila de Orazo; pandereteiras A Xariza, de Parada; Os Charabiscas, de Vila de Cruces,; Xuntanza dos Regatos, de Orazo; Pau de Buxo, de Saídres; O Son da Mina, da Brea; o gurpo de Acordeóns da Escola Municipal de Música de Silleda e o grupo anfitrión, os gaiteiros da Pereiriña de Ansemil-Martixe.

A xornada rematará coa actuación do Dúo Punto Cero.

 “Quixemos facer da xornada un punto de encontro para os veciños da zona e ao mesmo tempo ampliar a oferta gastronómica do municipio”, engaden dende a organización, que agradecen o apoio tanto do Concello de Silleda como de das distintas empresas e firmas colaboradoras.

O reto é chegar este ano aos 600 comensais.  Os membros da asociación teñen previsto preparar o seu afamado prato con 130 quilos de carne (pata e chourizo, entre outros) e preto de 80 quilos de garavanzos.

Dende o Concello, o alcalde Manuel Cuíña, felicitou aos colectivos organizadores “por acadar en pouco tempo con traballo e esforzo un grande éxito”, dixo, e destacou o éxito dos veciños por “consolidar definitivamente o sabor dos callos de Ansemil-Martixe como un novo referente gastronómico de Silleda”, engadiu.