A firma Arteaga realizará as obras de renovación do sistema de iluminación no campo de fútbol da Bandeira

Silleda, 20 de agosto de 2014. O Concello de Silleda acaba de adxudicar os traballos  para renovar todo o sistema de iluminación no campo de fútbol da Gandareira, na Bandeira.

A Xunta de Goberno Local, logo de ver as tres propostas que se presentaron ao proceso, por procedemento negociado, decidiu adxudicar á empresa Arteaga esta dotación, ao presentar a oferta máis vantaxosa dende o punto de vista económico con 42.655, 80 euros (IVE incluído).

Esta actuación realizarase a través da subvención que lle corresponde ao Concello do Fondo de Compensación ambiental, que ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do medio, e reequilibrio territorial. Silleda coma outros municipios que contan con  parques eólicos pode optar ás axudas, en compensación por estas instalacións.  O 80% desta inversión (uns 35.000 euros) corresponden a esta axuda.

Dende o goberno municipal estímase que os traballos poidan comezar nun prazo aproximado de 15 días, quedando rematados o vindeiro mes de setembro.

Este proxecto para a renovación do sistema de iluminación no estadio da Bandeira, onde se prevé que en breve se inicien os traballos de dotación de céspede artificial, foi aprobado en días pasados pola Xunta de Goberno Local, así como os pregos de clausulas administrativas e o expediente de contratación. “Con esta actuación pretendemos continuar completando as melloras destas instalacións deportivas, que a día de hoxe non se atopan en boas condicións”, apunta o alcalde Manuel Cuíña.

Ao mesmo tempo, coa nova iluminación tamén se busca optimizar a instalación lumínica do recinto, co consecuente aforro enerxético. Así reducirase a potencia con unha instalación de 16 luminarias repartidas en 4 torres.  A dotación será similar a doutros campos de fútbol do municipio, coma do de Outeiriño, en Silleda.

O Concello asume así a súa aportación aos traballos de mellora e renovación deste estadio de fútbol, que se completará logo do compromiso adquirido coa Deputación de Pontevedra. O organismo provincial, pola súa banda acondicionará o terreo de xogo, dotando ao campo da Gandareira de céspede artificial.

Con esta  renovación das luminarias, con catro  torres, comezará nos vindeiros días a mellora integral do campo de fútbol da S.D. Bandeira, que vén de ascender á Segunda Rexional.