A III Kedada Solidaria de BTT de Silleda contará coa participación de máis de 180 persoas o vindeiro domingo

-Este ano, haberá dúas rutas, de 42 e 36 kms., que comezarán no pavillón municipal de Silleda e pasarán pola Fervenza do Toxa e o mosteiro de Carboeiro, entre outros

-Como cada ano, os participantes entregarán alimentos ao programa municipal Silleda Solidaria

Silleda, 17 de marzo de 2016. O vindeiro domingo, 20 de marzo celebrarase en Silleda a III Kedada Solidaria en BTT,  organizada polo clube BTT Trasdeza en colaboración co Concello de Silleda. O roteiro contará coa participación de máis de 180 persoas, todas elas afeccionadas a esta práctica deportiva.

A cita partirá do campo de fútbol do Outeiriño de Silleda, ás 09.30 e contará cun percorrido de aproximadamente 45 kilómetros, de dificultade media-alta, tendo como novidade este ano unha ruta alternativa de 36 kms. co fin de unificar as chegadas.

O traxecto discorrerá por enclaves naturais como a Fervenza do Toxa, o mosteiro de Carboeiro, ou o roteiro do baixo Deza, que comeza na parroquia de Abades.

Están previstos tres avituallamentos.

Cada un dos participantes da kedada entregará un quilo de alimentos non perecedoiros, que a organización doará, coma en anos anteriores, integramente ó Banco de Alimentos do Programa Municipal Silleda Solidaria, e tamén deberá aportar 5€ en concepto de inscrición.

Dende o Banco de Alimentos faise unha chamada para intentar cubrir os produtos dos que teñen máis escaseza nestes momentos, como son leite, cola cao, azucre, aceites, conservas, ou potitos infantís.

A recollida de dorsais previa á ruta realizarase no pavillón municipal César González Fares de Silleda ese mesmo día ás 08:15. Tamén nese mesmo emprazamento contarase con duchas, parquin, e lavado de bicicletas ao remate da proba.

Unha vez rematada a kedada, os participantes poderán degustar productos típicos da zona: lacón, empanada, e rosquillas.

A ruta está organizada polo colectivo BTT Trasdeza, creado hai tres  anos e que  conta socios que veñen participando os domingos en distintas saídas polo territorio silledense.

Dende a organización quere agradecerse a colaboración e apoio das firmas colaboradoras, así como dos participantes que colaboran ano tras ano nesta iniciativa.