A mostra Luis Davila, a retranca dun país recala no Centro Cultural Vista Alegre

Silleda, 17 de setembro de 2016. A exposición “Luis Davila. A retranca dun pais” chega a finais de mes ao municipio de Silleda. A mostra, incluída no programa de actividades culturais do Ano Castelao da Deputación de Pontevedra, recalará dende o vindeiro venres día 30 e ata o 23 de outubro na sala de exposicións do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira.

A Concellería de Cultura de Silleda aposta polo humor gráfico deste recoñecido autor que a través das súas viñetas amosa a súa capacidade de análise da realidade social galega. Trátase dunha selección de viñetas de Davila, que a diario recrea na prensa a realidade do país tanto desde o humor coma desde o coñecemento profundo da maneira de ser, sentir e vivir dos galegos e galegas.  

O acto de apertura será o venres 30, ás 20.00 horas, con visita guiada por esta exposición que trata temas coma o matriarcado, o feísmo, a reciclaxe, o reaproveitamento…Esta exposición inclúe ademais dúas viñentas nas que o debuxante recrea senllas viñetas do propio Castelao.