A nova sede da Escola de Música estará lista no prazo aproximado dun mes

Silleda, 31 de outubro de 2015. As obras de acondicionamento da nova sede da Escola de Música están xa en marcha. A empresa adxudicataria dos traballos de adecuación no edificio do recinto feiral, Míguez Xestoso, iniciou en días pasados os traballos.

O alcalde, Manuel Cuiña, e o responsable municipal de Obras e Servizos, Klaus Brey, visitaron as obras, que marchan a bo ritmo. Estímase que nun prazo aproximado dun mes, entre finais de novembro e principios de decembro, os traballos quedarán rematados.

“Seguimos mantendo que o traslado dende a sede actual ao novo edificio se realizará, previsiblemente, durante as vacacións de Nadal”, engade o alcalde, Manuel Cuiña, explicando que as obras “marchan a bo ritmo”.

Os traballos suporán unha inversión superior aos 60.000 euros. As tarefas de acondicionamento iniciáronse por parte do Concello o pasado mes de xuño, co derribo de tabiques, retirada de falsos teitos e desmontaxe de lavabos e outro mobiliario.

Unha vez realizados, no mes de agosto iniciáronse os traballos de campo, por parte dunha empresa especializada do estudio acústico previo ao proxecto de acondicionamento.

As depedencias situaránse na primeira planta do edificio, habilitando unha oficina de administración, dúas aulas (unha de solfeo e outra de música en movemento), zonas e espazos comúns, dous recintos de aseo e un local de ensaio e 170 metros cadrados.

As novas dependencias acondicionaránse seguindo os parámetros do estudo acústico, que marca as condicións de sonoridade na mellora dos distintos locais.

“Agora xa se iniciaron os traballos definitivos cos que se acondicionarán todas as dependencias da nova sede”, engade Cuiña.

O traslado da Escola de Música chega logo do histórico acordo entre o Concello de Silleda e a Fundación Semana Verde polo que o antigo edificio das oficinas feirais que acollerá a Escola de Música pasa a ser de titularidade municipal, ao igual que a finca na que se construirá o Centro de Día Residencial de Maiores.