A parroquia de Cira inicia o mércores día 11 a súa Semana Cultural, a máis veterana do municipio

Silleda, 3 de novembro de 2015. A parroquia silledense de Cira inicia o vindeiro mércores día 11 a súa Semana Cultural. O ciclo, que cumpre 38 anos, ábrese nesa mesma xornada, co espectáculo de maxia a cargo do Mago Xacobe, ás 20.00 horas.

O xoves día 12  a cita será co humorista Isi, un dos rostros máis coñecidos do panorama audiovisual galego e incansable contador de historias, tamén ás 20.00 horas.

E logo da maxia e do humor, o venres 13 a cita coa Semana Cultural de Cira será musical, coa actuación do grupo de acordeóns Os Lóstregos e o dúo Marieta e Erika.

Xa por último o sábado 14  terá lugar a tradicional cea de confraternidade no Local Social de Cira. O menú constará de empanada, polbo, carne ó caldeiro, postre e café. As entradas poderán retirarse na taberna de Maruja González ou a través dos membros da Comisión. O prezo é de 18 euros. O baile estará amenizado polo Trio Savanna.

A cita está organizada pola Comisión de Festexos de Cira e a Concellería de Cultura, que dirixe Maria José Fernández, e que lembra que a Semana Cultural de Cira foi pioneira no rural de Silleda. A día de hoxe esta iniciativa é a máis veterana do municipio, con preto de 40 anos de traxectoria.