A Semana Branca en Andorra, prevista entre os días 18

Silleda, 10 de novembro de 2016.  A Semana Branca en Andorra organizada polo Concello de Silleda e  o Ciclo de Actividades Físico Deportivas no Medio Natural do IES Pintor Colmeiro xa ten datas previstas do 18 ao 25 de febreiro do vindeiro ano, cun amplo programa de actividades que xa se está a difundir entre os centros de ensino.

Dirixida a persoas a partir dos 10 anos de idade, o prezo total desta actividade é de 425 euros, incluíndo a viaxe, e o paquete de hotel-esquí. Así, neste prezo inclúense o desprazamento en autobús, 5 noites en hotel en réxime de media pensión, as comidas nas pistas de esquí, 5 días de Forfait na estación de Soldeu, 10 horas de clase de esquí/snow, todo o material necesario para a práctica deste deporte e o seguro da viaxe.

Entre as actividades complementarias ao curso nas pistas andorranas de Granvalira figura tamén a visita á cidade de Andorra e ao balneario Caldea.

Todas as persoas interesadas en participar poden recibir máis información o vindeiro mércores día 16 na reunión que se celebrará na Casa da Cultura de Silleda, ás 20:00 horas, para aportar máis detalles sobre esta viaxe.

O alumnado deste ciclo medio encargouse, baixo a supervisión do profesor Xosé Couso, das tarefas de organización de toda a viaxe, dende o deseño de rutas ou a reserva de aloxamento e comidas, ata as clases de esquí, aluguer de materiais… Unha actividade que tamén lles servirá como experiencia práctica na súa actividade educativa. “Parécenos moi interesante que sexan os propios alumnos e alumnas os que fagan o deseño de todo o programa e da organización”, indica a concelleira de Deportes, Ana Luisa González.

Esta actividade, que se difunde particularmente nos centros de ensino, está  tamén está aberta a todos os veciños e veciñas de Silleda así como familias que queiran disfrutar dunha semana enteira en pleno contacto coa natureza.