A xornalista Rosa María Calaf estará o vindeiro 21 de novembro en Silleda no programa de actos do 25-N

Silleda, 14 de novembro de 2017.  O programa Xénero e vulnerabilidade  de Prevención e Sensibilización contra a Violencia de Xénero posto en marcha polo departamento de Igualdade do Concello de Silleda co apoio da Deputación de Pontevedra contará a vindeira semana cunha poñente de luxo.

O programa de actos da campaña arranca  o martes 21 coa conferencia titulada Violencia y misoginia: ayer y hoy. La representación de las mujeres en el discurso mediático”, que impartirá ás 17:00 horas na Casa da Xuventude a coñecida xornalista, investigadora e experta en xénero Rosa María Calaf. A corresponsal máis veterana de TVE, con 37 anos de experiencia as súas costas, foi pioneira en España no exercicio do reporteirismo. Rosa María Calaf Solé (Barcelona, 1945) foi asimesmo directora de programación de TV· en 1983. Ao longo da súa dilatada carreira recibiu multiples premios e recoñecementos, como xornalista de referencia e por servir de exemplo ás novas xeracións de comunicadoras.  Entre eles destacan o  Women Together 2007 pola súa traxectoria profesional en favor da loita pola igualdade, o premio club internacional de prensa á mellor labor no estranxeiro no ano 2006 e o V premio José Couso á Liberdade de Prensa no 2009. En novembro de 2007 recibiu o premio a "Toda unha vida" outorgado pola Academia da Televisión en España, un recoñecemento á súa longa carreira como corresponsal.

Ademais da conferencia de Rosa María Calaf, o vindeiro venres día 24 terá lugar a concentración de condea contra a violencia de xénero na praza da Igrexa de Silleda (12:30), un acto no que dende a Concellería de Igualdade  de Silleda se entregarán tamén aos centros escolares lotes de libros que afrontan a problemática da desigualdade por razón de xénero e a violencia machista.

En negro contra as violencias

Por outra banda o Concello de Silleda sumarase mañá oficialmente á campaña En negro contra as violencias. A concelleira de Igualdade, Pilar Peón, asinará en Santiago de Compostela o protocolo de adhesión á campaña, á que se sumaron ademais preto de 50 entidades e establecementos comerciais e hostaleiros do municipio silledense, para sensibilizar –a través da cor negra- sobre a problemática da violencia de xénero na nosa sociedade.