A Xunta informa ao Concello da catalogación de oito novos xacementos arqueolóxicos

 

Silleda, 20 de abril de 2013. A Xunta de Galicia, a través do servizo de Coordinación da Área Cultural, remitiu en días pasados a comunicación de novos xacementos arqueolóxicos de recente descubrimento no municipio silledense. No listado, que chegou ao Concello a pasada semana figuran un total de oito xacementos. Trátase de cinco petróglifos e catro mámoas, que agora están xa oficialmente catalogadas por Patrimonio.

Na lista de petróglifos están os de Monte do Santo (Taboada); Monte de Carballeda e  Coto do Santo (Siador); Pena Longa 2 e Gorgullós, situados ámbolos dous na parroquia de Cortegada. As mámoas, son as de Mourelos e Campo das Latas (Silleda) e a de Lagoas, tamén en Cortegada.

Estes novos xacementos inventariados deben de incorporarse agoara ao catálogo de elementos patrimoniais do Plan Xeral, así coma aos planos de ordenación, ademais de ser tidos en conta á hora de autorizar obras que poidan afectar a estes bens ou ao seu entorno.

Dende o goberno municipal xa se remitiu a comunicación de Cultura aos redactores do PXOM, de cara á súa inclusión no documento. Do mesmo xeito, tamén se localizou aos propietarios e propietarias das parcelas onde están situados estes oito xacementos, unha das peticións realizadas pola Xunta, para poder notificarlles a súa existencia.

De xeito paralelo, dende o Concello se remitirán aos donos das fincas a documentación que se incorpore ao PXOM para informarlles da nova situación dos predios.

“Estes novos achádegos deben ser incorporados agora ao Plan Xeral, xa que ata o momento non tiñamos comunicación oficial dos xacementos, que veñen a engrosar tamén o patrimonio histórico cultural do municipio de Silleda”, sinala a alcaldesa e responsable de Urbanismo, Paula Fernández Pena.