Aberta a convocatoria de 2019 do Plan Municipal de Axudas á Creación de Emprego

Silleda, 21 de febreiro de 2019.  O Concello de Silleda vén de abrir a convocatoria das axudas do  Plan Municipal de Creación de Emprego, que se puxo en marcha ao inicio desta lexislatura. As bases da convocatoria foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra e poden consultarse tamén, xunto cos anexos e formularios, na web municipal (no apartado Silleda Emprega). A subvención máxima outorgable é de 3.300 euros, cun baremo de 30 euros por punto.

Puntúase que o promotor/a do proxecto sexa parado/a de longa duración;  a apertura de local; a alta no Réxime de Autónomos; a contratación de persoal; e prímanse aqueles proxectos relacionados co sector primario, medio ambiente o que aposten polo I+D+I.

Tamén se outorgan a maiores puntos extra, para aqueles casos nos que os proxectos sexan promovidos por mulleres con cargas familiares de unidades monoparentais.

“O grande obxectivo que nos propuxemos con este programa é en definitiva axudar á creación de emprego”,  indica a concelleira de Emprego, Ana Luisa González.

As axudas outorgadas poden consultarse tamén na páxina web Así mesmo todas as axudas outorgadas dende o inicio do programa están publicadas no portal de Transparencia, na sede electrónica do Concello.

Estas axudas, a fondo perdido,  están destinadas ás persoas que, estando en situación de desemprego decidan emprender pola súa conta.

Dende o ano 2015 outorgáronse un total de 22 axudas, por un valor de case 30.000 euros.

O Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego iniciouse no 2015 como unha das grandes apostas do goberno municipal de Silleda para fomentar a creación de emprego. “Calquera silledense que esté en situación de desemprego e queira emprender un negocio en Silleda conta con estas axudas a fondo perdido, sempre que cumpla as condicións establecidas nas bases”, lembra a concelleira de Emprego, Ana Luisa González Costa.