Aberto o prazo de inscrición no Servizo Lúdico Educativo para o vindeiro curso

Silleda, 5 de agosto de 2015. A Concellería de Educación de Silleda, que dirixe Pili Peón, vén de abrir o prazo de inscrición no Programa Lúdico Educativo de Apertura de Centros Educativos Públicos fóra do horario lectivo, para o vindeiro curso 2015-2016.

Este programa está destinado ao alumnado de Primaria, de 3 a 12 anos de idade. Os interesados/as en participar deben cubrir un formulario de inscrición e presentalo no Rexistro Municipal, en horario de 09.00 a 14.00 horas. O prazo de presentación das solicitudes remata o vindeiro venres día 28 de agosto.

 Este documento está dispoñible na Casa da Cultura, no propio Rexistro e tamén se pode descargar a través da web municipal (www.silleda.gal) . O número de prazas é limitado.

O servizo ofértase tamén este ano para o CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira, onde deben de acadarse un mínimo de 25 participantes para a súa celebración.

Preinscrición nas actividades de Nadal e de Verán

Do mesmo xeito, ao igual que se fixo o pasado ano, o formulario inclúe tamén a posibilidade de reservar xa a praza para os campamentos de Nadal e de Verán, realizando todo na mesma inscrición e evitando así aos usuarios ter que realizar máis trámites.

Coa inscrición hai que adxuntar unha serie de documentación (fotocopia do Libro de Famillia, fotocopia da tarxeta sanitaria do/a menor,  declaración da Renda 2014…) entre elas a autorización de domiciliación de recibos, cun formulario que tamén está dispoñible para os usuarios.

Para recibir máis información as familias interesadas poden dirixirse ao departamento municipal de Educación, chamando ao 986 581028.

Publicación no BOP da licitación do servizo

Por outra banda, hoxe o Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publica o anuncio de licitación do contrato deste servizo, por procedemento aberto.

Para a convocatoria as empresas teñen un prazo de 8 días contados a partir da publicación para presentar a documentación requerida nas bases, que tamén se poden consultar no perfil do contratante, na web municipal, no apartado de servizos.

O servizo sae a concurso por un periodo de 4 anos, e cun prezo de licitación de 160.000 euros.

Nos seguintes arquivos adxuntos pode descargarse o formulario de inscrición e a autorización para domicialización dos recibos.