Aberto o prazo de inscrición para o “Seminario de ferramentas para a busca de emprego” do Concello de Silleda

-O portal dixital galego de emprego Galejobs e o Grupo Gallega Laboral Deza de Silleda, colaboran co Concello nesta proposta informativa

Silleda, 11 de marzo de 2016.  O Concello de Silleda, xunto co portal de emprego Galejobs e a empresa Grupo Gallega Laboral Deza, poñen en marcha unha acción informativa co fin de mellorar a experiencia dos usuarios na busca de emprego.

Baixo o nome de “Seminario de ferramentas para a busca de emprego”, esta proposta ten como obxectivos o apoio aos usuarios do servizo de orientación laboral do Concello de Silleda, tanto no proceso de formación para a busca de emprego, coma na elaboración dun Curriculum Vitae ou na realización dunha entrevista de traballo.

O curso, de 2 horas de duración, terá lugar o próximo martes 22 de marzo, ás 16:30 horas, no salón de actos da Casa de Cultura de Silleda, estará impartido por María Hermo Rodríguez, responsable de Recursos Humanos do portal Galejobs, e Mónica Dacosta Salgado, xerente de Grupo Gallega Laboral Deza, e tratará contidos coma a importancia da formación para a incursión no mercado laboral, a realización de currículos, cartas de presentación, a utilización de centros de intermediación, redes sociais ou portais de emprego, como ferramentas para a busca de emprego, e tamén as habilidades sociais básicas e as pautas a seguir ó acudir a unha entrevista de traballo.

Todos aqueles que queiran asistir a esta proposta informativa poderán anotarse nas dependencias de emprego do Concello, enviando un correo á dirección emprego@silleda.es, ou ben no teléfono 986 580000.

 “O que pretendemos con este seminario é amosar que estar no paro non significa estar parados, que as persoas que están buscando traballo, deben aprender a facerse visibles no mundo laboral, e para iso recomendarémoslles formación e darémoslles as pautas necesarias para a realización das ferramentas básicas de presentación á hora de atopar un emprego”, comenta Ana Luisa González, edil de emprego. “Consideramos moi interesante e beneficiosa esta iniciativa, porque os docentes son especialistas no mercado laboral galego, e poden aportar de primeira man información sobre qué buscan as empresas de selección nos candidatos”, engade a concelleira.