Aberto o prazo para participar no concurso de entroido de Silleda que se celebrará o domingo día 3

-O certame, con 1.140 euros en premios, conta coas categorías de individual e colectivo –subdivididos en junior e senior-. O desfile partirá da Casa da Cultura e rematará nunha carpa na praza Juan Salgueiro, con animación e chocolatada para os asistentes

Silleda, 19 de febreiro de 2019.  O entroido voltará, por segundo ano consecutivo, ás rúas da capital municipal de Silleda o domingo de carnaval. Organizado dende distintos colectivos de Silleda e o  Concello, a cita contará con desfile e concurso de disfraces.

Para participar neste último é preciso inscribirse. O prazo ábrese mañá e continuará ata o propio día do desfile. Establécense dúas categorías, individual e colectivos, con senllos apartados cada unha: junior (ata 12 anos) e senior. Así na categoría de grupos haberá tres premios (de 200, 150 e 100 euros) no apartado de junior e no de senior. Na de individual, a contía dos galardóns será de 50 euros para o primeiro clasificado, 40 euros para o segundo e 30 para o terceiro, tanto na junior como na senior. Repartiránse en total 1.140 euros en premios.

As persoas e grupos que desexen participar xa poden anotarse dende mañá mercores na Casa da Cultura (en horario de mañá, de 08:00 a 15:00 horas) e na Casa da Xuventude (pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas). Tamén se recollerán inscricións o propio día do desfile a partir das 16:00 horas na Casa da Cultura.

O percorrido partirá ás 17:00 dende a praza Siñor Afranio, pasando polas rúas Progreso, avenida do Parque, Santa Eulalia, María Colmeiro, Venezuela e rúa Outeiro, para rematar na praza de Juan Salgueiro.

Alí instalarase unha carpa na que ademais de animación musical haberá chocolate –sen gluten- con churros para os asistentes.

O xurado do certame dará a coñecer o nome dos premiados unha vez remate a deliberación, na propia carpa. Os premios en metálico entregaránse o sábado día 9 de marzo, ao remate do concerto que dará a Banda de Música Municipal de Silleda co grupo Píscore no auditorio da Semana Verde (o remate está previsto para as 21:00 horas).

Na organización do domingo de entroido en Silleda colaboran os colectivos ECOS, Asociación Amigos de Silleda, Asociación de Empresarios do Polígono Área 33, Asociación Cultural O Lacón, Banda de Música de Silleda, Escola de Música, S.D Silleda e Escola de Fútbol de Silleda.

Dende a Concellería de Cultura, Ana Luisa González anima a veciñanza a participar neste desfile e no certame “co que seguimos apostando pola recuperación do entroido na vila de Silleda”.

A programación de entroido no municipio silledense arranca este sábado coa cita de Lamela e actividades tamén na Bandeira e Abades.

O tradicional entroido do Ulla volta á parroquia de Lamela co desfile que se celebrará a partir das 17:00 horas, organizado pola Asociación de Xenerais de Lamela. O alto está previsto para as 18:30 horas rematando a xornada cunha cea baile no local social. Na Bandeira, ás 12:00 terá lugar o festival de entroido do alumnado da Aula de Música (auditorio Manuel Dopazo) e en Abades a Asociación de Veciños A Costa celebra un xantar de entroido.

O fin de semana grande abrirase o venres 1 coa Vellada da Bandeira. A cita nesta localidade, organizada por Amigos da Empanada, terá o sábado de entroido como referente, co desfile, concurso e baile no pavillón.