Adxudicado á empresa Render o proxecto para a instalación de placas solares fotovoltáicas no polígono Área 33

Silleda, 9 de novembro de 2013. A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de adxudicar a Grupo Render Industrial Ingeniería y Montajes S.L,, con sede en Navalmoral de la Mata (Cáceres), as obras para instalar un sistema de placas fotovoltáicas destinadas ao autoabastecemento do alumeado exterior no parque empresarial Área 33 de Silleda.

O proceso de contratación, ao que se presentaron un total de 9 empresas,  rematou o pasado venres coa apertura do sobre B, coa oferta económica. A empresa adxudicataria presentou a oferta máis vantaxosa, cun orzamento de 88. 835,02 euros (máis 18. 655,33 de IVE), o que supón unha rebaixa do 10% sobre o prezo de licitación.

O prazo de execución dos traballos é de 30 días a partir da data de adxudicación do contrato, de subministro e servizo, que se tramitou por procedemento aberto e de forma urxente. O orzamento de licitación foi de   119.433,75 euros, IVE incluído.

O Concello de Silleda concorreu  hai meses ás axudas para a habilitación e mellora de infraestructuras nos parques empresariais de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Esta actuación ten como obxectivo a mellora da instalación enerxética do parque empresarial Área 33 e a tamén aspectos relacionados coa seguridade.

O que se plantexa é unha actuación integral de eficiencia enerxética no alumeado público do polígono, coa instalación dunha planta de xeración fotovoltáica que alimentaría o parque empresarial e que ao mesmo tempo modernizaría o sistema enerxético da zona, onde se veñen rexistrando determinadas carencias.

O proxecto contempla un sistema centralizado para xerar a enerxía que precisa o alumeado exterior de todo o polígono coa instalación de paneis solares fotovoltáicos, que xunto con outros equipamentos (acumuladores, inversores…) surtan da enerxía necesaria a rede de alumeado. Deste xeito, tamén se reduce a dependencia enerxética do Concello e se contribúe a unha maior eficencia no gasto. Segundo os estudios realizados, a combinación da xeración fotovoltáica cun sistema que regule a potencia consumida permitirá a reducción da dependencia do alumeado no polígono das redes convencionais en máis dun 85%. 

Con esta iniciativa non só se busca dar solución aos problemas de subministro eléctrico, senon tamén mellorar en eficiencia enerxética e nos índices de aforro.