Adxudicado á firma Saluvi a xestión do Servizo de Axuda no Fogar

Silleda, 23 de agosto de 2014. A Xunta de Goberno Local de Silleda adxudicou á empresa Pedrosa y Rojas S.L. (Saluvi) o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A procedemento, iniciado o pasado mes de xullo, concorreron tres empresas.

A Mesa de Contratación propuxo á citada empresa logo da correspondente baremación ao obter ésta a maior puntuación. Así, e tendo en conta a oferta económica de Saluvi e outros servizos complementarios de acordo co prego de condicións (no que figuraban aspectos como servizos de fisioterapia, podoloxía, axudas técnicas ou servizo de transporte adaptado), decidiuse adxudicar a Saluvi o Servizo de Axuda no Fogar polo prazo de un ano.

O prezo de adxudicación é de 11,50 euros a hora polo servizo ordinario na modalidade de prestación básica e dependencia e de 13,50 euros/hora no de carácter extraordinario.

Rexeitado o recurso do PP

Por outra banda, o recurso presentado polo PP de Silleda ao proceso de licitación do SAF foi rexeitado. Ademais de diversas cuestións normativas, dende o Concello de Silleda advírtese que o recurso é inadmisible porque o procedemento estaba xa en trámite na Administración Local cando o recurso  foi presentado.

Por outra banda, o vindeiro martes celebrarase ás 11.30 horas, o pleno extraordinario solicitado polos grupos da oposición para debatir sobre este servizo.