Alumnas silledenses do programa Redmur estudian constituir unha asociación para emprender iniciativas vinculadas ao rural

Silleda, 13 de marzo de 2018.  Hoxe rematou en Silleda o programa Redmur, a Rede de Emprendimiento e Inserción Sociolaboral para a diversificación de actividades sostibles no Medio Rural, impartido pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) e o Centro de Desenvolvemento Agrario do Concello de Silleda.

No curso participaron un total de 20 mulleres de distintas idades dende o pasado mes de xaneiro, cunha media de asistencia de 15 alumnas por sesión. O ciclo, para fomentar a empregabilidade e promocionar o empoderamento, contou con distintos obradoiros  sobre itinerarios de emprego (autoemprego, creación de cooperativas ou outras fórmulas) e tamén se puxeron á súa dispoisición  cursos on line gratuitos con máis de 12 modalidades distintas.

Dende Fademur animouse ás alumnas a emprender iniciativas, comezando por crear unha asociación mentras non se defina o modelo de negocio a seguir. “Sempre estaremos apoiando e asesorando ás alumnas en todo aquello que precisen”, indicou a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, que entregou os certificados do curso xunto coa concelleira de Igualdade, Pilar Peón.

 Do mesmo xeito a concelleira amosou o apoio do Concello ás posibles iniciativas que poidan xurdir. “Sabemos que que hai moitas iniciativas creadas por mulleres que funcionan ben, que somos capaces, e sempre estaremos a voso lado para calquera iniciativa de emprendemento”, engadiu Peón.

Un grupo de alumnas está xa a estudar a posibilidade de dar o primeiro paso coa creación da asociación para iniciar un proxecto común vinculado ao sector primario. 

Peón tamén agradeceu á presidenta da Fademur a realización deste curso en Silleda, onde o programa Redmur se suma a outras iniciativas de promoción do emprego.