Aprobados os pregos para a contratación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos

Silleda, 23 de xuño de 2013. O executivo municipal de Silleda aprobou hoxe en Xunta de Goberno Local os pregos de condicións económico administrativas e particulares para licitar o servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos.

O servizo sae a concurso por un periodo de un ano, prorrogable por outro ano máis, e incluíndo unha cláusula para a rescisión do contrato tendo en conta a data na que comece a prestarse o servizo provincial de recollida de lixo.

Este proceso levarase a cabo mediante procedemento urxente, agardando que a adxudicación do servizo poida estar realizada a mediados do mes de agosto. O prego, como xa se informou en días pasados, recolle melloras coma o aumento na frecuencia da recollida, que no caso do rural pasaría de 1 a 2 días á semana, e ampliando tamén a recollida selectiva (colector amarelo) que se fará unha vez por semana, en lugar de cada 15 días.

Por outra banda, na mesma sesión tamén se acordou iniciar o expediente para licitar a adxudicación do servizo da xestión do saneamento municipal, logo de rematar o contrato con Espina y Delfín.

Neste caso a adxudicación realizarase por dous anos coa intención tamén de rematar o contrato deste servizo de forma parella ao abastecemento, servizo que ten adxudicado Espina y Delfín ata o ano 2016. “Deste xeito poderemos unificar as datas dos dous contratos, que ata agora remataban en anos distintos”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña.

O prezo de referencia para asumir as dúas estacións depuradoras, a de Silleda e a da Bandeira, será de 120.000 euros ao ano.

“Na sesión de hoxe demos pasos importantes no tocante a dous servizos básicos que o Concello presta aos veciños e veciñas”, sinala Cuíña, que agarda que os dous procedementos se poidan resolver no menor tempo posible.