Arranxo do vial que une Breixa e Saídres, intransitable polos efectos dos últimos temporais

Silleda, 20 de febreiro de 2014. O Concello de Silleda, a través do departamento de Medio Rural e Servizos, que dirixe Klaus Brey, continúa realizando arranxos na rede viaria dos casos máis apremiantes por mor dos efectos do temporal.

Así, nestes días estase a traballar, grazas ao turno das máquinas da Mancomunidade de Terras do Deza, en puntos coma o vial que une Breixa e Saídres, moi utilizado polos veciños e veciñas desta zona. A gran cantidade de lodo e terra acumulados, xunto coa presenza de polas, e maleza diversa que tirou o forte vento dos últimos días facían intransitable esta pista, na que ademais dunha pala para retirar a terra, tamén se utilizou outra máquina para desbrozar este tramo.

Socavón en Oleiros

Por outra banda, o Concello tamén iniciou hoxe a reparación dun socavón que se formou nos últimos días en Oleiros, preto da ponte que une esta parroquia silledense co municipio de Lalín. O bache agravouse coas últimas choivas constituindo un gran impedimento para turismos e maquinaria agrícola, que tiñan complicado atravesar o tramo.