As bases do Plan Municipal de Axuda a Emprendedores modificaranse atendendo a novos criteiros e condicións

Silleda, 4 de xaneiro de 2016. Hoxe celebrouse a xunta de voceiros municipais de Silleda que foi convocada a semana pasada polo alcalde, Manuel  Cuiña, para abordar a mellora e modificación do Plan Municipal de Axuda a Emprendedores, que se puxo en marcha hai seis meses dende o goberno silledense.

Neste encontro, o alcalde e a concelleira de Emprego, Ana Luisa González, debatiron xunto cos voceiros do PP e do BNG distintas cuestións a variar na reforma das bases, que se pretende levar ao pleno ordinario deste mes para a súa correspondente aprobación.

“Despois de seis meses fomos detectando cuestións deste programa que son mellorables, por iso decidimos ter esta reunión cos grupos e remodelar as bases”, explica a concelleira de Emprego.

Así, as novas bases introducirán unha serie de criterios que puntuarán co establecemento dun  baremo que aínda está por definir. Neste senso, o alcalde aposta por “primar aqueles proxectos que presten atención a sectores coma o primario, polo que tamén estamos a apostar coa creación do Centro de Desenvolvemento Agrario”, engade.

Proxectos relacionados co medio ambiente, ou orientados cara a innovación tamén terán preferencia na puntuación destas axudas.

Outro dos criterios a ter en conta é a creación de emprego, “que en definitiva é o obxectivo que nos propuxemos con este programa”, indica Manuel Cuiña.

Así mesmo, tamén se acordou aumentar a cantidade máxima da subvencións ás iniciativas emprendedoras, que pasará de 2.000 a 3.000 euros.

Tamén se esixirá un prazo mínimo de apertura. Así nas bases figurará  que os negocios a subvencionar deben estar abertos como mínimo seis meses.

“Aínda quedan cuestións por definir, pero na xuntanza de hoxe xa avanzamos sobre este tema e esperamos poder concretar todas as ideas e melloras nas novas bases para aprobalas no pleno a finais deste mes”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

O alcalde lembra que o regulamento actual xa foi aprobado por unanimidade dos tres grupos no pleno de setembro, “ e agora tal e como xa avanzaramos no seu día, volvemos a contar con todos os grupos para mellorar esta iniciativa”, engade, agradecendo as aportacións dos voceiros.

Nestes tres meses concedéronse un total de 5 axudas a outras tantas entidades, quedando polo camiño outras propostas que non cumplían cos requisitos esixidos.

Para o 2016, os orzamentos municipais contan cunha partida inicial de 25.000 euros, “que ogallá poidamos incrementar no caso de haxa demanda para estas axudas, coas que queremos contribuir a xeración de emprego no noso municipio”, indica Cuiña.