As Festas de Verán de Silleda, con gastronomía, música e deporte, comezarán o 5 de xullo cunha xornada adicada aos nenos

Silleda, 5 de maio de 2017.  A Asociación da Comisión de Festas de Verán de Silleda 2017 deu a coñecer a programación dos festexos, que ser celebrarán entre os días 5 e 9 de xuño. A primeira xornada, a do mércores 5, estará adicada ao público infantil coa celebración de numerosas actividades na rúa Pintor Colmeiro. Así haberá obradoiros, unha carreira solidaria, un maratón de fútbol 3 por idades ou unha sesión de Zumba Kids, entre outros.

O xoves día 6, logo do chupinazo dende a Casa da Cultura (ás 18:00 horas) arrancarán oficialmente as festas de verán cunha primeira xornada na que destaca a exaltación de todas as festas gastronómicas do municipio e do pan de Silleda. “Cremos que é unha iniciativa novidosa que atraerá público e que servirá para condensar nunha sola cita todos os sabores de Silleda”, explica Antonio Rodríguez Loureiro, presidente da comisión.

A partir das 20:30 horas os membros da organización das dez festas estarán na rúa Pintor Colmeiro presentando os seus produtos e ofrecendo unha degustación gratuita para o público. Estarán presentes os callos de Ansemil-Martixe; a rosquilla de Abades; a panceta de Escuadro, o lacón de Silleda, a Paella de Cortegada, a tortilla de Laro, a empanada da Bandeira, o chourizo ao viño de Ponte, a castaña de Breixa e o porco de Silleda. A charanga Ardores e un grupo de música tradicional encargaranse de animar esta primeira xornada que rematará cun recital especial: Olympus en Concerto. A coñecida orquestra actuará a partir das 23:30 horas na rúa Pintor Colmeiro.

O venres día 7 o pasarrúas será a cargo do grupo Verbeneros e a gastronomía continuará coa Festa do Lacón. Xa a mediodía haberá unha degustación de distintas variedades do produto na praza da Feira Vella onde pola noite se celerbará unha nova edición desta cita gastronómica.

Ás 20:00 horas terá lugar na rúa Pintor Colmeiro unha exhibición de bailes de salón na modalidade de latinos, na que estará a silledense Paula Gamallo.

Ás 21:00 horas a Banda Xuvenil de Silleda dará un concerto na praza da Feira Vella onde tamén actuará pola noite o Dúo Master.

A verbena estará adicada a ritmos latino. Actuarán  Jhonny Maquinaria Band, que estará de xira en Galicia durante o verán, e da man de eme-music os DJ Marcos Lemos e DJ Marcos Magán.

Pasarrúas nos lugares de Silleda

O sábado día 8 abrirán a animación as charangas Sorcha e BB+, que se achegarán ademais aos lugares rurais da parroquia de Silleda. Durante a mañá disputaránse distintos eventos deportivos como o segundo Maratón Open de Pádel, nas pistas municipais de O Castro, un torneo de golf e outro de Tiro con arco (estes dous no campo de golf rústico).

A partir das 19:00 horas  o grupo Aires de Trasdeza dará un pasarrúas e actuará na rúa Pintor Colmeiro, onde a verbena será nesta xornada coas orquestra Ibiza e La Última Legión.

As festas rematarán o domingo 9 de xullo. A Banda de Música Municipal de Silleda e a Unión Musical de Meaño serán as encargadas de amenizar a xornada cun concerto matinal logo da misa solemne e o XXIV Festival de Bandas de Silleda (19:00 horas). No campo do Picoto terá lugar unha tirada ao plato, en colaboración coa Sociedade Deportiva de Caza, Pesca e Tiro. A verbena final será coas orquestras Alcázar Live e Ciclón.

Rodríguez Loureiro explicou que o orzamento dos festexos é de 65.000 euros. A comisión, que acaba de iniciar o petitorio, agradece a colaboración de todos os veciños e veciñas, entidades, empresas e asociacións que colaboran con estas festas, así coma o apoio prestado dende o Concello de Silleda.

O alcalde, Manuel Cuiña, que participou una presentación xunto coa concelleira de Cultura, Ana Luisa González, destacou o traballo e o esforzo realizado dende a comisión así coma o amplo programa de actividades durante os festexos de verán.