Carboeiro acollerá en xuño o concerto dun dos coros do prestixioso director americano Byron McGilvray

O interprete, que visitou Silleda en días pasados, é un recoñecido director de coros coma o The Ladies of the MacGilvray Chorale, con voces femininas que actuará no mosteiro o 23 de xuño.

Silleda, 1 de decembro de 2018.  O mosteiro de Carboeiro segue a consagrarse como escenario musical. O vindeiro mes de xuño, o domingo 23, está prevista a actuación dunha formación musical vocal chegada dende norteamerica, The Ladies of the McGilvray Chorale, baixo a batuta do prestixioso director Byron McGilvray.

Nacido en Texas, o intérprete atesoura unha longa traxectoria como mestre en distintas universidades e centros e director de formacións durante os últimos 40 anos. Acompañado dalgúns dos seus pupilos McGilvray visitou en días pasados Silleda, onde mantivo un encontro co alcalde, Manuel Cuiña e a concelleira de Cultura e Turismo Ana Luisa González.

A formación, con 25 voces femininas, realizará só tres actuacións en Galicia o vindeiro verán, sendo unha delas a do mosteiro de Carboeiro.

O director recalou en Silleda logo de coñecer por Julio Domínguez, director do prestixioso curso de verán “Tamara Brooks”, as excelente acústica do mosteiro.  “Estamos seguros de que este concerto será todo un fito en Silleda”, sinala a concelleira.

Así mesmo, dende o Concello tamén se propoñerá facer unha colaboración cos coros locais a fin de que interactúen coa formación norteamericana.

McGilvray  amosou o seu interese por coñecer outras culturas musicais e compartir experiencias con outras formacións corais.

Ademais de impartir clases como profesor de música na universidade estatal de San Francisco, McGilvray dirixiu numerosas xiras en distintos países de Europa nos últimos anos. Foi tamén mestre en China, Taiwan, Xapón, Israel ou Exipto entre outros, ten dado numerosas conferencias e sesións de traballo por todo o mundo e foi un dos fundadores con Robert Shaw do Festival of Masses.