Carboeiro recibiu case 1.000 visitantes durante os 4 días festivos da Semana Santa

Silleda, 19 de abril de 2017.  O mosteiro de Carboeiro vén de batir un novo récord de visitas nos últimos días. Así, entre o Xoves Santo e o Domingo de Pascua pasaron polo mosteiro silledense un total de 980 persoas. O bo tempo e as xornadas festivas contribuiron sen dúbida a este espectacular incremento de visitas ao edificio histórico e o seu entorno.

O xoves foron 223 as persoas que se achegaron ata Carboeiro, o venres acadou as cifras máis elevadas con 390 visitas. O sábado rexistráronse 227 entradas e na xornada do domingo foron 140.

A cifra acadada en tan só 4 días supera mesmo o balance de marzo de 2016, mes no que se caeu o pasado ano a Semana Santa e no que se rexistraron un total de 976 visitas.

“Estamos moi satisfeitos porque Carboeiro e o seu entorno seguen a ser un referente para moitas persoas e un revulsivo para o noso turismo, ao igual que as Fervenzas do Toxa, outro dos lugares máis visitados desta comarca”, indica a concelleira Ana Luisa González.

Dende o pasado mes de xaneiro rexistráranse 2.319 entradas, cifra á que hai que sumar o espectacular balance da Semana Santa.

18 de maio, entrada libre

Por outra banda, o vindeiro 18 de maio, coincidindo co Día Internacional dos Museos o mosteiro volve acoller unha xornada de portas abertas, tal e como se recolle na normativa que regula o acceso, e que fixa como días de entrada libre o 18 de maio, o 25 de xullo e o 10 de agosto, festividade de San Lourenzo.